Ribadavia xa conta con hoteis para insectos na Veronza

Cándida Andaluz Corujo
cándida andaluz OURENSE / LA VOZ

OURENSE

Alumnos do colexio de infantil e primaria desprazáronse á zona verde da vila para colocar construcións singulares

25 may 2025 . Actualizado á 05:00 h.

Alumnos do CEIP Plurilingüe de Ribadavia, que participan no programa de educación ambiental Voz Natura que desenvolve La Voz a través da Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre, deixaron a súa pegada na área recreativa da Veronza. Grazas a esta iniciativa educativa, que combina ciencia e natureza, os escolares de infantil e primaria participaron na construción e colocación de varios hoteis para insectos. Estiveron guiados pola profesora de inglés María Rosa Castro, coordinadora das actividades de Voz Natura. Un total de 71 nenos sumáronse a esta actividade, que se realizou por primeira vez no colexio, e que complementa outros proxectos didácticos no horto escolar. Usando materiais naturais como madeira, canas e palla, os pequenos aprenderon, da man dun voluntario de Ridimoas, David Rodríguez, sobre a importancia dos insectos no ecosistema. Cada curso creou o seu propio hotel, adaptado para atraer diferentes especies como abellas solitarias, tijeretas e escaravellos.

Ademais da aprendizaxe científica, a iniciativa buscou dar visibilidade ao traballo que se realiza no centro, máis aló das clases tradicionais. María Rosa Castro destaca que estas actividades xeran ilusión e emoción nos nenos, permitíndolles interactuar coa natureza e comprender mellor a súa contorna.

«Temos que sacar tempo de onde sexa para facelos partícipes de algo tan importante. Agora xa quedamos en que levasen ós seus pais e amigos ós hoteis cada vez que vaian á Veronza, para ver se xa hai insectos», sinala a mestra.

O horto escolar, que comezou hai catro anos como un pequeno experimento, converteuse nun espazo de aprendizaxe. Contan cun invernadoiro, mesas de traballo e áreas adaptadas á altura dos nenos. Alí, os estudantes puideron plantar, observar o crecemento dos seus cultivos e levar a casa produtos como leitugas, chícharos e tomates. A profesora, que dedica tempo extras para impulsar estes proxectos, destaca que a experiencia non só educa aos nenos en sustentabilidade, senón que lles axuda a valorar a natureza e entender de onde proveñen os alimentos.

O programa de educación ambiental Voz Natura conta co patrocinio da Consellería de Medio Ambiente, a Deputación da Coruña, a Fundación Alcoa, El Corte Inglés, a Fundación Ramón Areces e Inditex.