Cinco viños de Valdeorras colócanse o podio no informe «Galicia 2025 Top 100» de Tim Atkin
OURENSE

A selección da experta internacional Beth Willard seleccionou 28 referencias de doce adegas amparadas por esta denominación de orixe
22 mar 2025 . Actualizado á 05:00 h.Cinco viños do D.Ou. Valdeorras conseguiron colocarse entre os mellores do informe elaborado polos expertos internacionais Beht Wilard yTim Atkin para a publicación Galicia 2025 Top 100 que, ademais, destaca 28 referencias dunha ducia de adegas amparadas por esta denominación de orixe vitivinícola. Desde o consello regulador mostraban a súa satisfacción polos resultados que entenden, referendan a consolidación do prestixio de Valdeorras dentro do panorama vitivinícola internacional. En concreto, no podio dos mellores hai un viño desta zona distinguido na categoría de mellor veu branco do ano, situándose entre os tres únicos que conseguiron a máxima cualificación, fixada en 98 puntos.Outras dúas referencias valdeorresas foron recoñecidas dentro dos mellores tintos do ano. Hai ademais dous caldos premiados nas epígrafes de Mellor Viño Doce do Ano e Mellor Viño Tinto Calidade-Prezo do Ano.
Pero ademais deses cinco destacados, o informe de Atkin e Willard tamén coloca outros viños de Valdeorras no ránking dos mellores cualificados. Tres brancos obtiveron 97 puntos, colocándose entre os cinco mellores da selección, mentres que sete referencias máis recibiron 96 puntos ou máis, posicionándose entre o trece máis destacados. No que respecta aos tintos, dous dos tres viños mellor valorados no informe galego pertencen ao D.Ou. Valdeorras. Ademais, un total de nove referencias de catro adegas amparadas pola denominación foron incluídas entre os 40 viños tintos destacados no informe.
O traballo dos expertos
Para confeccionar este informe sobre os viños galegos, Beth Willard realizou unha exhaustiva cata de case 500 referencias procedentes de 64 adegas distintas durante dúas semanas, en novembro de 2024. Segundo as súas propias palabras, entre a selección realizada descubriu «algúns impresionantes». As conclusións do seu traballo foron recollidas na publicación do do Master of Wine Tim Atkin, galardoado fotógrafo e xornalista especializado en viños, colaborador das revistas Harpers e Decanter, e copresidente do International Wine Challenge, unha das competicións de cata a cegas máis rigorosas do mundo. Ademais do seu traballo en Galicia, Willard analizou viños doutras rexións como Navarra, Aragón, O Bierzo e a Sierra de Gredos e é copresidenta dos Decanter World Wine Awards e membro da Grande Orde de Cabaleiros do Viño.