0003_202404O7C4996

Unha alumna do Otero Pedrayo gaña o premio escolar que leva o nome do autor

La Voz OURENSE

OURENSE

Foto de archivo da entrega de premios no 2022.
Foto de arquivo dá entrega de premios non 2022. CEDIDA

A entrega será o mércores na sede da fundación

07 abr 2024 . Actualizado ás 05:00 h.

O premio Otero Pedrayo para estudantes xa ten gañadores. Na categoría de Bacharelato o xurado (integrado por Xesús Alonso Montero, María José Bravo Bosch, José Eduardo López Pereira, Xosé A. López Silva, Isabel Mociño e Patricia Arias Chachero, como secretaria da Fundación, con voz pero sen voto) elixiu Poesía e Xeografía de Bocarribeira, de Lucía González, alumna de segundo no instituto ourensán que leva o nome do autor. En grupos destacou a proposta Otero Pedrayo alumno, traxectoria no centro que leva o seu nome que, baixo o pseudónimo de As Oterianas, analiza os cinco anos de Otero Pedrayo como alumno preuniversitario no daquela Instituto Provincial de Ourense.  O xurado destaca nel que o profesorado do centro foi quen de vincular os estudantes dun instituto histórico ao seu patrimonio, facendo que os estudantes se implicasen no seu arquivo e no coñecemento da súa historia. Ademais, o xurado acordou recoñecer cun accesit ao traballo titulado Violencia e delito en O mesón dos ermos: brutos, bandoleiros e negreiros presentado por un grupo de estudantes de Proxecto Competencial de 2º de Bacharelato do IES de Ponteceso.

Na categoría de ESO non houbo premio individual, pero si se concedeu un accesit a Avril Lagos González, de trece anos, que presentou unha biografía en verso de don Ramón. Como traballo grupal venceu o videoxogo realizado con scracth Galeguízate con Otero, que o alumnado de 1º de ESO do IES Plurilingüe San Rosendo de Mondoñedo presentou baixo o pseudónomi Araucaria. O xurado entende que fixeron un excelente traballo coas novas tecnoloxías para difundir a vida e a obra de Otero Pedrayo e animar á poboación a coñecer a Casa Grande de Cima de Vila. Leva un accesit o traballo presentado baixo o pseudónimo Ilustres dinámicos do IES Chan do Monte de Marín. 

A entrega, con todos os premiados, farase o vindeiro mércores 10 de abril, na Casa Grande de Cima de Vila.