Aberto o prazo para que 30 pemes poden acelerar o seu proceso de internacionalización

La Voz OURENSE

OURENSE

Elena Repetskaya

«Galicia Avanza» é unha iniciativa da Xunta e a Tecnópole

28 feb 2024 . Actualizado á 05:00 h.

A terceira convocatoria do programa «Galicia Avanza», deseñado para acelerar a internacionalización de pequenas e medianas empresas (pemes) galegas, xa está en marcha. Este programa, que comezou en 2022 como resultado da colaboración entre a Consellería de Economía, Industria e Innovación, a través da Axencia Galega de Innovación (Gain) e o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), xunto co Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole), ten como obxectivo impulsar a presenza de solucións innovadoras galegas no mercado exterior no menor tempo posible.

Como participar? As pemes interesadas en participar nesta iniciativa poderán presentar as súas solicitudes ata o 19 de abril a través da páxina web oficial do programa. A convocatoria está aberta a un máximo de 30 pemes innovadoras ou de base tecnolóxica.

Nesta edición, como novidade, establécese que non poderán beneficiarse aquelas empresas que xa participasen en convocatorias anteriores do programa. A selección basearase en criterios como o potencial de internacionalización, o grao de innovación de produtos ou servizos, o coñecemento do mercado internacional, o potencial de crecemento no estranxeiro, a capacidade financeira e a experiencia previa no ámbito internacional. Ademais, fomentarase a participación de pemes que non recibisen axudas previas da Axencia Galega de Innovación nin de Tecnópole.