O Barco sobe as entradas da Festa do Botelo a 25 euros para non competir cos restaurantes

María Cobas Vázquez
maría cobas O BARCO / LA VOZ

OURENSE

La Festa do Botelo será el sábado 20 en el pabellón de Calabagueiros en O Barco de Valdeorras.
A Festa do Botelo será o sábado 20 no pavillón de Calabagueiros no Barco de Valdeorras. Miguel Villar

Os billetes para a comida do día 20 sairán á venda o 13

03 ene 2024 . Actualizado á 05:00 h.

A venda das entradas para a Festa do Botelo do Barco de Valdeorras é case unha celebración en si mesma. Hai quen madruga moito para facerse con algunha das 1.150 entradas que se pon á venda, nun ritual que vai camiño de converterse en tradición. O ano pasado os máis madrugadores foron Rogelio Moral e Divina Gayoso. Desde as 2.30 horas estiveron ás portas do teatro Loureiro Olmo, onde se puñan á venda os billetes ás nove da mañá. Non todo o intre estiveron fóra, porque como é habitual desde hai uns anos, a apertura do edificio é anterior a esa hora e incluso se proxecta unha película no cine para que a xente estea ao quente e vaian pasando as horas. A madruga deste ano será o sábado 13. Cada persoa poderá adquirir un máximo de 10 entradas, ao prezo de 25 euros cada unha. O prezo sobe desde os 20 do ano pasado para facer fronte ao incremento xeneralizado de prezos en todo tipo de produtos e tamén para axustalo máis ao custo do menú nos restaurantes que participan nas Xornadas do Botelo, que levarán a cabo durante varias fins de semana, segundo remarcou a edila de Cultura, Margarida Pizcueta, na presentación do programa.

O día 13 sairán as entradas á venda e unha semana despois será a gran cita gastronómica no pavillón. Iso si, desde o xoves haberá programación. Así, o 18 ás 17.00 e ás 20.00 horas proxectarase Reposteiro e chef no cine. O venres ás 21.00 horas, Fátima Delgado presentará a súa obra de teatro Run Baby Run. Ela será tamén a condutora do acto do pregón que se celebrará no teatro o sábado 20 ás doce. A mención de honra será para Concepción Moreira Calvo, quen fóra cociñeira do Mesón JR 2000, pechado desde hai anos, «e onde se daban unhas das mellores tapas de Valdeorras», lembrou Pizcueta. Xosé Lois Carrabouxo exercerá de pregoeiro.

Rematado o acto institucional haberá un pasacalles ata o pavillón de Calabagueiros, onde terá lugar a comida oficial a partir das 14.30 horas. Unha vez degustados os botelos e o resto de viandas, ás sete da tarde comezarán os cantos de taberna por bares e restaurantes. Participarán varios grupos, aínda pendentes de confirmar, que se encargarán de prolongar a xornada ata a noite.

Para pechar o programa da Festa do Botelo, o domingo ás 20.00 horas no teatro Loureiro Olmo terá lugar o concerto de Amancio Prada. Hai máis de 20 anos que o berciano non actúa na capital valdeorresa. As entradas terán un prezo de 10 euros.