O Arenteiro logra o ascenso a Primeira RFEF cun punto de ouro no Couto

OURENSE

Miguel Villar

O equipo do Carballiño é campión con catro xornadas de antelación e segue invicto fóra de casa

15 may 2023 . Actualizado á 02:59 h.

O CD Arenteiro proclamouse campión do grupo primeiro e con catro xornadas de antelación consegue o ascenso a Primeira RFEF. O equipo carballiñés puido cantar o alirón no Couto ao sumar un empate ante o Ourense Club de Fútbol (1-1). Adiantou Adrián Cruz aos verdes, moi apoiados pola súa afección no estadio, no minuto 16, pero os locais empataron ao fío do descanso, tras unha gran xogada de Tiago.

O dominio foi dos azuis, pero os de Javi Rey souberon aguantar e contemporizar. O empate valíalles e saboreando o ascenso intentaron durmir o partido. Cando xa se cantaba «campións» na bancada, Dani Salas case dá o susto final cun tiro cruzado que se foi lambendo a porta baleira do Arenteiro. Pero o equipo do Carballiño puido ao fin celebrar un grande éxito que coroa unha tempada excelente co gran premio do ascenso.

O éxito do Club Deportivo Arenteiro non sorprende a case ninguén que merodee polos mentideros do fútbol galego. Entre os distintos acertos que atesoura Argimiro Marnotes desde a súa chegada á presidencia da entidade, en xullo do 2020, pasarlle a batuta da área deportiva a Fran Justo e aos seus colaboradores abriu un sólido plan de traballo a curto e medio prazo. O balompé non espera a ninguén e os resultados poden cargarse calquera boa proposta. No Carballiño tuvieron tempo para demostrar que o esforzo e a humildade son vía directa cara ao triunfo.

Cohesión deportiva

Falouse moito da chegada de Fran Justo a Espiñedo naquel 2020, polos nomes que lle acompañaron, con media ducia dos futbolistas que se quedaron ao bordo do ascenso a Segundo B baixo a súa dirección, no Ourense CF. A ese elenco uniuse Álex Fernández, capitán do Pontevedra, ao que seguiron, entre outros, o goleador Sylla ou os puxantes Víctor Eimil e Marquitos, valores criados das canteiras do Dépor e o Celta, respectivamente. Eran deportistas que se axustaban aos perfís deseñados polo míster e o seu núcleo duro. Álex Vázquez, que rematou sendo director deportivo do club, Millán Fernández e o preparador físico, Nico López, comparten unha idea de fútbol, dedicando á súa profesión todas as horas posibles. No mesmo molde encaixan Javi Rey e Luis Vilachá, que ocuparon o posto de Fran Justo e Millán Fernández cando marcharon ao Lugo mediado este curso.

Xestión e respaldo

Marnotes Fernández herdou unha situación económica que se saneou nas campañas previas e que ademais tiña o respaldo dunha fiel masa social que foi capaz de incrementar, así como a axuda dos empresarios da vila, que viron no seu equipo de fútbol un proxecto emerxente. A onda creceu de modo imparable, co primeiro ascenso a Segunda Federación, que se fixou como obxectivo ambicioso —pero real—, desde que se coñeceu o sistema de competición dunha tempada atípica pola pandemia. Despois, o regreso á Copa do Rey e a visita do Valencia, unha laboriosa permanencia na nova categoría ou a irrepetible campaña que está a piques de finalizar. A localidade tinguiuse de verde.

O traballo é o primeiro

Se unha clave manexou ben o cadro técnico do Arenteiro foi a de manter os pés no chan nun curso repleto de distraccións —por moi exitosas que fosen—, como o título nacional da Copa Federación ou a Copa do Rey coa eliminatoria ante o Atlético na casa. Tanto Xusto como o seu sucesor destacaron ao longo do ano que o persoal non regateou unha sesión de traballo. Os veteranos Álex Fernández, Pol Bueso e Adrián Cruz, que tivo que pelexarse cunha lesión, son figuras que marcan o ritmo dun grupo tamén contaxiado por mozos técnicos que non entenden de máis descansos que os imprescindibles. É case un tópico do fútbol que os autores do equipo de Espiñedo plasmaron sobre o terreo na súa planificación coral.

Un club con historia

O Arenteiro comezou a competir federado na tempada 58/59, cando rematou oitavo na antiga Serie A. Gañou o seu primeiro título en 1964, cando dominou o seu grupo e a fase final, para ascender a unha competitiva Terceira División. En 1987 produciuse o ascenso a Segundo B, como segundo clasificado e axudado dun incremento de grupos. Incluído algunha fochanca que o levou a categoría provincial, o club carballiñés volveu a Terceira no 2017 e celebra agora o seu segundo campionato ligueiro —en dúas categorías— en apenas tres anos.

Triplete e reválida

Os números do Arenteiro 22/23 son impecables. O título da Copa Federación autonómica foi seguido pola nacional e, agora, polo campionato de liga. De camiño, un torneo regular cunha única derrota —ante o Compos— e dous refachos: 10 xornadas sen perder con Xusto e outras 19 con Rey. Puntuou en todos os seus partidos como visitante desde o 30 de abril do ano pasado. Na Copa do Rey tombou a un Primeira, o Almería, antes de plantar cara e caer coa cabeza alta fronte ao Atlético de Madrid.

Once tipo e catro pluses

A aliñación do Arenteiro ten poucas novidades cada xornada. Con Diego García fixo na portería, o cuarteto de Jordan, Germán, Vitra e Joseca ten un reforzo case titular, como é o de Vitra. Álex Fernández e Curro polo centro tiveron case sempre nas bandas a Pibe e Marquitos, a perna cambiada. Romay foi o favorito para xogar ás costas do incansable Antón Escobar, máximo realizador. Adrián Cruz, sobre todo tras a súa lesión, e os máis ofensivos Manín e Rafa Mella completan a nómina dos que máis xogaron.