Pepucho é o veciño que pon o Nadal en Ramirás

María Doallo Freire
María Doallo OURENSE

OURENSE

Santi M. Amil

Este ourensán fai bonecos de madeira cos que decora o exterior da capela de San Martiño en Picouto

16 dic 2022 . Actualizado á 05:00 h.

Chámase José Canal pero en Ramirás todos coñécenlle como Pepucho. Leva vivindo en Picouto, de onde é natural a súa muller, Dolores Rodríguez, máis dunha década, aínda que el é de Ourense cidade. Traballou toda a vida en Correos e hai tres anos xubilouse. Pepucho, que non sabe estar quieto nin un segundo, non parou ata atopar unha afección nova coa que estar entretido. Así empezou a dar forma á madeira. «Desde que me retirei empecei a facer cousas con troncos. Nunca traballara a madeira pero aos poucos fun aprendendo e agora nunca me aburro», comenta. O seu pasatempo levoulle a facer figuras moi bonitas, que chaman a atención dos seus familiares e dos que non son da súa familias. Por iso o ano pasado animouse a montar unha pequena decoración de Nadal para Picouto, o núcleo rural principal de Ramirás.

«Este é un municipio humilde e non é que o Concello teña moito para gastar en iluminación do Nadal e cousas polo estilo, así que me animei a achegar algo, só por probar», conta. O que fixo tivo tanto éxito entre pequenos e maiores que este ano tivo que aumentar os adornos. «Os nenos pedíronme dinosauros, coches... de todo. Pasamos de ter catro bonecos a ter máis de dez», confesa. Todo iso está montado na capela de San Martiño. Pono con axuda de Dolores o 30 de novembro. «Para que xa empece decembro con todo listo. É unha forma de animar o pobo, especialmente aos nenos, que xogan por alí e a min alégrame verlles divertirse», admite. Pepucho quita mérito e di que non lle custa facer as pezas, que unha vez que ten os palés e os troncos, todo reutilizado, tarda unhas poucas horas en crealas. Iso si, a súa decoración do Nadal non ten luces. «Así que mellor vir de día a visitala», conclúe.