O Foro Liceo denuncia que os presupostos do Estado son a «enésima marxinación» a Ourense

La Voz OURENSE

OURENSE

Estación intermodal de Ourense.
Estación intermodal de Ourense. Santi M. Amil

O PSOE destaca que as contas son as «máis sociais da historia»

12 oct 2022 . Actualizado á 13:27 h.

Seguen as reaccións polo proxecto orzamentario presentado polo Goberno de PSOE e Unidas Podemos para o ano 2023. O Foro Liceo difundiu este martes un comunicado no que denuncia que esas contas supoñen a «enésima marxinación» á provincia, que ademais é a «máis necesitada de Galicia e posiblemente de España».

Esta plataforma -formada por 16 colectivos profesionais, empresariais e culturais da cidade- critica a falta de presupostos para as autovías A-56 (a Lugo) e A-76 (a Ponferrada). Tamén lamenta a ausencia de consignación para a segunda parte da variante exterior do AVE, entre Seixalbo e a cidade, ou para a propia estación intermodal.

«Agardamos que os nosos representantes reclamen unanimemente as modificacións necesarias no período de tramitación e que todo o que teña algunha responsabilidade, sexa do partido que sexa, faga o posible para que nin un ano máis Ourense sexa abandonada á súa sorte», di o comunicado do Foro Liceo.

Os socialistas, satisfeitos

Precisamente, os deputados e senadores ourensáns do PSOE ofreceron este martes unha rolda de prensa para facer unha valoración dos presupostos presentados polo Goberno socialista. Segundo dixeron, son os «máis sociais da historia». Ademais, aseguran que «rematan coa discriminación e cumpren con demandas históricas».

Adolfo Pérez Abellás, Uxía Tizón e Miguel Bautista destacaron o impacto que as contas terán na vida de 106.460 pensionistas, 2.300 mozos e 19.613 empregados públicos de Ourense. Ademais, o secretario provincial do PSOE, Rafael Rodríguez Villarino, asegurou que o seu partido «se fixa primeiro nas persoas» e aproveitou a súa intervención para responder as críticas do presidente da Deputación, José Manuel Baltar, «o político que máis discrimina de todos os que coñecemos neste país».

O líder do PP tamén se referiu a Villarino cando os medios de comunicación preguntáronlle aproveitando unha comparecencia por outro asunto. Ante as alegacións presentadas polo PSOE contra os presupostos da Deputación, Baltar dixo que van supor un atraso para as entidades beneficiadas polos investimentos previstos. Trátase, segundo dixo, de «unha xogada similar á que fixeron coas axudas aos autónomos».