Correde!

María Doallo Freire
María Doallo NON SEI NADA

OURENSE

20 jul 2022 . Actualizado á 05:00 h.

A obra do sábado na MIT de Ribadavia remataba cunha frase esmagadora. «A democracia é como unha salchicha, a todo o mundo gústalle, pero ninguén quere saber de que está feita». Poida que todo na vida sexa un pouco así, porque podemos autoenganarnos finxindo que non o sabemos ou porque descoñecer a atrocidade fainos ser máis felices. Era o final dAs aves, unha obra cun humor moi fino e un sentido da realidade necesario. Desas nas que non pairas de rir mentres ves a todo o mundo asentir coa cabeza. De atrocidades vai A infamia. Mariña Salas gañou a todo o público do Castillo de Ribadavia cunha interpretación «chea de verdade». Así é como a describiu o meu amigo Koke —o actor Jorge Varandela, que sabe mellor que eu do que fala—. Rematei a obra exhausta e emocionada dunha forma incómoda, rara, angustiada. A infamia é unha adaptación das memorias da xornalista mexicana Lydia Cacho, das que non penso adiantar nada. Quedei con outra frase nesta función, unha que pronuncia cando trata de aceptar que a van a asasinar: «Se ao final todos imos morrer, prefiro facelo sabendo que vivín apaixonadamente». Outra lección de Cacho que me trouxen comigo. O luns na MIT estivo Demente, unha función que mestura danza clásica, contemporánea e tradicional galega, coa acojonante voz de Aida Tarrío —la tanxugueira, que resulta que tamén é brillante e vibrante bailando—. O grupo, dirixido por Fran Sieiro, se deshidrata en directo para abordar o tratamento que fai a sociedade das enfermidades mentais. Todo isto está a pasar aquí. Quédanvos cinco días cheos de propostas para ser felices en Ribadavia. Correde!