Dúas xeracións do covid-19 alertan sobre os rebrotes: «Provócache unha perda de osíxeno que nin che decatas»

Pablo Varela Varela
pablo varela OURENSE / LA VOZ

OURENSE

Miguel Villar

Carlos López, de 66 anos, e Marta Martínez, de 27, sofren aínda as secuelas do virus

06 jul 2020 . Actualizado ás 11:36 h.

O día do Xoves Santo, Carlos López non sabía se estaba a entrar nas portas do ceo ou do inferno. Polo menos, así o explica este veciño de Punxín de 66 anos tras contar a súa experiencia co coronavirus, cunha viaxe de ida e volta á planta de ingresados estables no CHUO entre finais de marzo e inicios de abril, pero tamén un billete de incerteza entre medias para a uci covid-19. Alí estivo unha semana despois de que chegase ao servizo de Urxencias do CHUO tras estrañarse por un sarpullido que lle saíu. «Pero fixéronme a proba PCR e dei positivo, e ademais viña de facer un tratamento oncolóxico o 18 de marzo polo cal me baixaron as defensas», conta.

Carlos non ten claro cando puido contaxiarse, pero sospeita dunha viaxe con amigos que realizou a Tarragona a inicios de marzo. E unha vez na uci non chegou a decatarse, pero estivo ás portas dun desgusto tras sufrir unha inflamación no pulmón e unha parada cardíaca, das que logrou saír adiante. Mentres, Marta Martínez, profesional sanitaria de 27 anos, permanecía na súa casa, en réxime de illamento domiciliario. A súa parella, que traballa no CHUO, tamén se contaxiou tras estar na zona de críticos. A día de hoxe, ela segue agardando a recuperar o seu olfacto a pesar de que xa pasaron máis de tres meses desde que padeceu a enfermidade. «Sigo sufrindo algo de anosmia. Estou algo mellor e ás veces cheiro determinados cheiros, pero outros non tanto. Así que tampouco puiden participar no estudo de doazón plasma que organizou a Axencia de Doazón de Órganos e Sangue», explica.

Ambos forman parte de dúas xeracións distintas afectadas igualmente pola epidemia. Cando o virus comezou a expandirse polo país, incidiuse inicialmente na idea de que o patógeno era especialmente perigoso para persoas maiores con afectacións previas, pero mirábase de esguello como podería pasar factura aos mozos. «O que se viu finalmente é que ningún de nós somos inmortais», di Marta.

Unha mensaxe aos da súa idade

Tras os rebrotes experimentados en rexións como O Barbanza ou a Mariña lucense, Carlos e Marta apuntan á importancia de respectar as pautas e recomendacións marcadas polas autoridades sanitarias.

«Á xente nova diríalle que teña coidado. Isto non pasou aínda e vólvense a ver casos e focos. Non nos podemos permitir que volva ser tan serio como pasou agora, co desastre que houbo. Debemos seguir as normas de distanciamento, levar a máscara e pensar que isto nos pode pasar a calquera. Son unha persoa nova, sen ningún antecedente, e aínda así me contaxiei. Non estiven hospitalizada, pero pásase mal e falamos dun virus novo», razoa Marta.

Carlos, que aludiu en varias ocasións ao covid-19 como «o inimigo invisible», aludía a esa capacidade do coronavirus para coarse ata pola última regaña do sistema inmunológico. «Provócache unha perda de osíxeno que nin che decatas. Toda precaución é pouca, porque non sabes por onde atacará. E ademais, se a xente que nos atende vaise ao garete a ver quen nos coida», agrega Carlos. No seu caso, agradeceu que o doutor Cortés, do CHUO, estivese ao seu lado. «Estiveron comigo en todo momento, ata que me puiden espertar», di.

Marta, que se formou na cidade a pesar de que é de Orihuela, agarda poder ver fisicamente á súa familia a finais de xullo, tras ter estado en contacto con eles por videollamada durante o estado de alarma, para evitarlles preocupacións. Pero a súa son as masas de xente e o que poida vir tras iso. «O das aglomeracións nas tendas non ten sentido. Isto non é cousa dunha gripe, pode chegar a ser algo moi serio e Carlos viviuno nas súas carnes».

«Que un paciente teña dado negativo na PCR non quere dicir todo, porque quedan secuelas»

O descoñecemento acerca do virus tamén ver reflectido nos conceptos que viran ao redor da patoloxía. María Bustillo, da Unidade de Enfermidades Infecciosas do CHUO, pon o foco nas dificultades que entraña a miúdo o vocabulario e a xerga específica sobre os test ou PCR á hora de dilucidar se un paciente está ou non recuperado. «Que unha persoa teña dado negativo na proba non quere dicir todo nin achega o debuxo completo e real da súa situación, porque quedan secuelas», di.

Bustillo sinala que, sobre o papel, a poboación de risco segue sendo a máis maior e aquela que sofre enfermidades crónicas, pero tamén incide naqueles afectados que non chegaron a estar hospitalizados pero seguen mostrando síntomas que persisten no tempo, como a fatiga ou dores torácicas ao efectuar esforzos. E ademais, hai que contar coas secuelas psiquiátricas derivadas do peche ou a incerteza do que deixa o virus.

Neste sentido, practicar unha PCR pode deixar sorpresas. «O que detecta este test é a presenza de proteínas do virus na faringe. E no caso dun paciente que xa o superou pode constatar que o covid-19 está morto, pero tamén achar o seu rastro previo», comenta Bustillo. É dicir, que aínda que o patógeno teña quedado polo camiño e a enfermidade tamén, queda parte do ‘seu esqueleto'.