0003_201804O28C2992

Mergullarse no rural dentro dunha escola na cidade

edith filgueira OURENSE / LA VOZ

OURENSE

MIGUEL VILLAR

No colexio de Vistahermosa aprenden ciencias con aves criadas polos propios alumnos

28 abr 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

Coñecer o mundo rural cos cinco sentidos é a meta que se puxeron no colexio de Vistahermosa. En zona urbana, aínda que colindando con áreas periurbanas nas que a vexetación é máis abundante, enmárcase este centro no que os alumnos están estudando o proceso de reprodución dos animais ovíparos coidando eles mesmos, coa axuda de profesores e unha incubadora, ovos de aves de distintas especies.

José Danzarín, docente de Educación Especial na escola, explica que todo xurdiu a partir de ensinarlle aos nenos nunha clase o proceso de xestación. E para pasar dos libros á acción, decidiron pedirlles aos alumnos que trouxesen ovos. «Cada un trouxo o que puido e xuntáronse ovos de paspallás, de perdiz, de galiña, de oca e de pato para ver os distintos tipos de aves que poden nacer e canto tarda cada un en romper o cascarón. Xa naceron algúns pollitos e dentro dalgúns días veremos como nacen patos», conta.

Deixar ao carón o sistema de produción industrial e que os nenos saiban o traballo que supón ter animais en boas condicións e facerse cargo deles é outro dos obxectivos desta iniciativa. «Durante un par de horas á semana teñen a responsabilidade de limpalos e coidalos porque os pollitos quedarán aquí pero o resto de aves darémosllas aos que nos proporcionaron os ovos», aclara o profesor.

Durante as últimas semanas han estudado a reprodución e os tipos de membranas dos ovos, han diseccionado a algún pollito que naceu morto coa profesora de Ciencias e aprenderon o tempo de incubación que necesita cada especie. A construción do galiñeiro que dará cabida aos animais serve de escusa para traballar os volumes en Matemáticas.

«O bo comportamento e o bo traballo en clase agora teñen como premio ir ver vinte minutos como están os pollitos e motívanse máis -engade Danzarín- e aos nenos con necesidades educativas específicas tamén lles axuda traballar cos animais».

Pero non só quedará en traer ao mundo pollitos e poder collelos. «Agora estamos a nos organizar para poder ter o noso propio horto e crear o abono cos excrementos das galiñas. Que coñezan o aproveitamento que se pode sacar de todo», finaliza.