Solucións

OURENSE

07 nov 2017 . Actualizado á 05:00 h.

Perogrullo púxose as botas no mundo do balompé, ese que está cargado de tópicos e refráns que ao virar a esquina atopan ao defensor da postura contraria.

A estas alturas, aquela frase que fixo popular o vello Vujadin Boskov, é case filosofía de vida: «Fútbol é fútbol». E mellor que ninguén a entende Moisés Pereiro, ese mozo adestrador que comezou a mover a batuta este mesmo ano no Barbadás, recentemente estreado o seu flamante título de técnico UEFA Pro. O ourensán foi no seu día unha das privilexiadas promesas da Masía azulgrana e chegou a ser o capitán do Barça B. Incluso debutou co primeiro equipo, despois de compartir horas de adestramento desde neno con xogadores como Iniesta, Puyol, Valdés ou Pepe Reina. Desde fóra viámolo como un futuro profesional de elite, ata que o seu xeonllo rompeu.

Na Terceira División e a Segundo B seguiu forxando esa paixón que sempre o mantivo preto do esférico, pero o seu primeiro paso como adestrador se viu recortado a só catorce partidos. O Barbadás apostou forte por el, as cousas como son, pero ata a Perogrullo trémenlle as pernas á hora de falar de paciencia. A norma non escrita do deporte rei di que once partidos sen gañar e sete goles en catorce encontros son unha sentenza para calquera inquilino do banco.

En Vos Carrís xa fallaran ao prescindir de Miki López cando o proxecto funcionaba e terán que fiar fino para buscar solucións. A Moisés queda atopar outra superficie onde o seu fútbol e o seu ADN combinativo poida brillar con máis luz.