13 dic 2011 . Actualizado á 06:00 h.

Cóntanme dun amigo ao que a súa muller fíxollas pasar moradas durante o noivado. Por moito que o intentou, as cousas non pasaron dun casto bico. O día que casou, ao saír da igrexa, cando lles estaban botando o arroz, achegouse aos amiguetes e, cun sorriso de orella a orella, soltoulles: «Esta noite, polas boas ou polas malas, cae!». Intuín na mirada do señor Rajoy, cando saíu de votar, o mesmo pensamento. Aquela noite caeu o desexo pelexado, anhelado de oito anos de espera. A abstinencia valeu a pena. Do señor Rajoy, que queren que lles diga? Pareceume moi mal que empezase con desatinos cos banqueiros, pero, a partir de aí, chapeau. Acostumado ao anterior chisgarabís, que cada día sacaba da chistera unha ocorrencia, a cal máis custosa, o señor Rajoy deulle un pouso ás cousas. Pensou, que para empezar, non é pouco. Se lle actualiza, é dicir, rebáixalles os salarios ás Cospedales que abundan no seu partido, se lles para os pés á Merkel e aos banqueiros codicioso, se cadra atopámonos con que se pode facer política sen facer beirarrúas e extravagancias. Non o votarei, pero solidarízome co meu presidente e fareille o boicot aos produtos alemáns. E ben que o sento agora que ía comprarme un Mercedes!