Lucio Aurelio Cómodo, emperador de Roma dende o ano 180 ao 192 d C, disque baixaba á area do Coliseo adornado cunha pel de león porque se consideraba a reencarnación de Hércules, o heroe clásico, e gozaba dando morte coas súas propias mans a prisioneiros, soldados e gladiadores que lle preparaban para o sacrificio, moitas veces mutilados e indefensos. Considerábase un deus. Esixía que o tratasen coma tal. Os cronistas que deron conta da súa vida falan da súa extravagancia e crueldade. Seica foron doce anos de auténtica loucura. Morreu asasinado por un gladiador coa complicidade da súa esposa. Disque con el empeza a decadencia do imperio.
Mais non foi o único caso. Calígula, Nerón, Domiciano, Tiberio, pasaron á historia como prototipos de megalomanía e crueldade. Por citar unicamente a antiga Roma. Certo que aqueles tempos establecían criterios de moral ben diferentes dos nosos, afortunadamente, e que non sempre os cronistas eran de fiar nos extremos que relataban. Igual que se esaxeraban as virtudes en vida do poderoso para gañar os seus favores, agrandábase o lado máis escuro despois da caída. No fondo, mesmo coa distancia do tempo, os comportamentos aínda se asemellan.
Cando Donald Trump, actual presidente de Estados Unidos, celebrou o seu 80 aniversario cun espectacular combate de artes marciais en presenza de case 4.000 invitados, instalados nunha gran carpa levantada para o caso nos xardíns da Casa Blanca, moitos non puidemos evitar a lembranza daqueles vellos emperadores, certamente trastornados. De que outra maneira cualificar tales comportamentos? Nalgunha outra ocasión o actual presidente competiu no ring contra representantes de propiedade de medios de comunicación, a ver quen era máis forte e estaba mellor preparado para combates corpo a corpo. Parece incrible, pero está nas crónicas da prensa norteamericana.
Como explicar estes fenómenos? Non se me ocorre outra expresión para definilos: extravagancias da natureza, da psicoloxía, do trastorno mental... Teñen relación co poder, que produce estes estragos? As matanzas de Gaza e da Cisxordania, o que sucede en Iraq e nos países de Oriente Medio son capítulos da mesma historia, tampouco exclusiva de Trump, aínda que centremos nel as críticas. Como explicar o de Ucraína, ou comportamentos dalgúns novos líderes de América Latina? Por non falar de historias pasadas como a de aquel Idi Amín Dadá, o carniceiro de Uganda, os xenocidios de Ruanda, Nixeria, o Congo... xa sen ir á Alemaña nazi ou aos gulags soviéticos. Recentes estudos de psicoloxía patolóxica nas universidades americanas presentan unha nómina relativamente ampla de líderes con problemas mentais relacionados co poder. No caso americano a esperanza está no sistema, que aínda permite unha reacción social fronte á loucura.