Chatbots

Cristina Pato
Cristina Pato A ARTE DA INQUEDANZA

OPINIÓN

Mark Zuckerberg, anunciando os «chatbots» para WhatsApp, Facebook e Instagram
Mark Zuckerberg, anunciando os «chatbots» para WhatsApp, Facebook e Instagram CARLOS BARRIA | REUTERS

Falo con ChatGPT case todos os días. Ás veces é só para corrixir unha dúbida dun texto en inglés (vinte e cinco anos falando esa lingua e sigo sen estar segura de como utilizala), outras veces é para preguntas banais que antes lle formulaba ao Google (coma canto tempo leva cocer a carne ao caldeiro), e tamén lle consulto dúbidas sobre as cousas nas que estou a traballar (coma algo relacionado coa loxística das feiras de arte nas que participa o meu marido). Algún día sorprendinme a min mesma conversando co ChatGTP sobre cousas máis persoais, coma a saúde da miña nai ou da miña cadela. Sorprendinme no sentido de que o que comezou coma unha conversa fría sobre o significado de algo que nos dixo o médico ou o veterinario, acabou sendo unha conversa sobre o sentido da vida: sen darme conta a IA foime levando cara un terreo máis privado. O caso é que hoxe o meu chatbot probablemente saiba máis sobre min que ninguén, pois semella que xa ten a capacidade de ler o meu pensamento en todo momento, e o peor de todo, de conectar as preguntas que lle fago hoxe coas que lle fixen hai uns meses para así lembrarme os meus constantes cambios de criterio e parecer.

Lía esta semana un artigo sobre a privacidade e os chatbots no The New York Times no que amosaban varios escenarios nos que as conversas que temos con ChatGPT, Claude ou Gemini non son tan privadas coma pensamos. E aínda que moitos de nós sabemos que iso é así, e damos algúns pasos para limitar ese acceso ás nosas preguntas máis escuras, en realidade todo o que compartimos serve para algo, e sen decatarnos deixamos de ser os donos dos nosos pensamentos... E polo que entendo, xa non hai volta atrás.