Pedro Sánchez y Alberto Núñez Feijoo, en el debate de Atresmedia durante la campaña electoral de julio del 2023
Pedro Sánchez e Alberto Núñez Feijoo, no debate de Atresmedia durante a campaña electoral de xullo do 2023

Non me gusta nin a alianza do PSOE co Frente Amplio nin o pacto entre PP e Vox para coordinaren candidaturas ao Senado.

Mudar a política por un cálculo tan obsceno de escanos debería levarnos a unha fonda reflexión. A disciplina de bandos non ten nada que ver con sumar proxectos, programas ou coincidencias ideolóxicas. Só procura un marco de poder e exclusión. Ou estás comigo ou contra min.

Teño para min que as maiorías absolutas, por moita estabilidade que lle poidan dar a un Goberno, non son boas para a democracia. En Europa temos exemplos claros de que a alternancia no poder non ten por que basearse nun bipartidismo idealizado. Hai outras medidas e democracias posibles onde se expresa mellor toda a complexidade da cidadanía.

A pluralidade precisa institucións para que todo o mundo se poida expresar e influír dalgún xeito, por moi pequeno que sexa. Esa conveniencia de bloques que nos leva ao peor do bipartidismo sinala aínda máis as diferenzas sociais, territoriais e ideolóxicas que nunca desaparecerán por moito que se xunten papeletas.

A gobernabilidade tampouco ten por que cinguirse á maioría absoluta. Coido que na negociación co outro para aprobar unha lei hai un camiño moito máis saudable e xusto que cando se fai sen falar con ninguén. Hai moitos políticos que confunden o cu coas témporas cando fan a equivalencia dunha vitoria electoral cun cheque en branco. E isto adoita vir sempre dos grandes bloques nos que se sustenta o bipartidismo.

Confío máis nun Goberno que precisa de apoios que naquel que non acepta o outro nin as súas teses. E nun caso coma o do Senado, onde a diversidade territorial debería ter voz propia, estes pactos que vemos aquí son de comenencia e están asinados polo diaño. A democracia, máis ca borrar as diferenzas para gobernar con comodidade, consiste en organizar a convivencia entre persoas que pensan distinto e son quen de construír un país con máis de dous bloques.

O meu téñoo claro.