O poder teno a xente

Francisco Castro
Francisco Castro A CANCIÓN DO NÁUFRAGO

OPINIÓN

Patti Smith, en Oviedo, cantando «People have the power» junto a varios centenares de personas.
Patti Smith, en Oviedo, cantando «People have the power» junto a varios centenares de personas. Paco Paredes | EFE

Patti Smith emocionouse ao escoitar a 3.000 persoas cantar o seu People Have The Power, ou sexa, «a xente ten o poder», durante os actos na cidade de Oviedo co gallo da súa visita para recibir o Premio Princesa de Asturias. Cando vin o vídeo da vella punkarra chorando nun xesto de emoción sincera e infantil non puiden deixar de escoitar esa canción como a banda sonora dos tempos que estamos a vivir.

Por suposto que hai que condenar a violencia, pero aquí semella que ninguén se pregunta por que esta en pé de guerra tanta xente nas rúas. A xente, esa que, segundo Patti Smith, debe ter o poder. Falamos de contedores que arden, de liortas coa policía, de rúas cortadas con pupitres, de tendas de campaña nas prazas, pero case que non falamos das causas, dos motivos que hai detrás de tanto enfado. Claro que a violencia nunca é xustificable, pero non estamos falando de que a xente está farta de políticas que fomentan a desigualdade, de que a xente xa non pode máis porque non pode nin alugar un cuarto; non falamos dun piso, senón dun cuarto onde vivir. Non estamos falando desas parellas de universitarios con máster que non chegan a fin de mes e que por suposto que non consideran ter fillos porque non os poden manter. Non estamos falando das persoas case moribundas que se desafiúzan e se mandan á rúa. Non estamos falando dos que acumulan salvaxemente millóns de euros mentres dúas nóminas xa non dan para manter unha familia de dúas persoas.

Falamos de contedores, de escaparates, de lume, de berros. Pero non falamos da xente.

Si falamos con normalidade de que en todo o planeta vén unha política de corte fascista que quere recortar, como abandeira o presidente arxentino, seguridade social, escola pública e axudas para quen o precisa. Si falamos con normalidade de que quizais os nosos fillos e fillas non poderán vivir cun mínimo de dignidade. Escoito a canción de Patti Smith, a vella punkarra, e sácolle o volume ao televisor. Esa canción, como uns anos antes o Power To The People de John Lennon («poder para a xente», cantaba o exbeatle), é a banda sonora para un tempo que, ou será de reivindicacións, ou non será; que será de loita política (mellor sen violencias, pero que te bote un fondo voitre da túa casa, que che paguen menos de mil euros por traballar dez horas, tamén é violencia, non o esquezamos), ou non será.

O poder está na xente. Non debería estar en Silicon Valley, nin nas patillas de Milei, nin na última parida ultra de Trump. Se hai democracia, o poder está na xente. Díxoo Patti Smith, princesa de Asturias, pero, sobre todo, a nosa princesa punki.