As cartas enriba da mesa

María Canosa
maría canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

Pedro Sánchez e Alberto Núñez Feijoo no Congreso.
Pedro Sánchez e Alberto Núñez Feijoo no Congreso. EDUARDO PARRA / EUROPA PRESS | EUROPAPRESS

Se o meu médico decidise diagnosticar a miña doenza e pautarme o tratamento a través dun chío, pediría unha segunda opinión. Hai cousas que merecen algo máis ca unha frase ben construída e uns cantos caracteres.

A política é unha delas.

Comeza a campaña electoral e volveremos asistir á competición por conseguir o titular máis provocativo, o vídeo máis compartido, o chío con máis reaccións. Todo rápido. Todo medido. Todo desmedido.

Gobernar nin é rápido nin cabe nunha pantalla.

As propostas sobre vivenda, educación, sanidade ou emprego necesitan máis ca un slogan: explicacións, números, consecuencias e prioridades. E preguntas incómodas.

Unha campaña electoral debería ter candidatos fronte a fronte, con xente diante, poñendo as cartas enriba da mesa. Non para insultarse nin interromperse. Para responder as preguntas que xurdan, respostas que son importantes para a cidadanía.

Dígame se teño algo grave, doutor. Á cara, non cun chío. Aos médicos esixímoslles que nos expliquen que nos pasa; aos avogados, que nos digan que facer; aos profesores, que xustifiquen o que ensinan...

Os políticos, en cambio, semella ser suficiente con estaren en contra de algo. Non debemos confundir comunicación política con política.

No fondo, hai outra cuestión: deixámonos levar. As redes permítennos elixir a quen escoitamos. Rodeámonos de quen pensa coma nós, lemos as opinións que nos dan a razón e pasamos de longo do que nos incomoda. Así é.

E se escoitásemos o candidato que non imos votar? E se ten algo interesante que dicir?

Unha democracia seria necesita representantes políticos capaces de poñer as cartas enriba da mesa e cidadáns dispostos a mirar os naipes do outro.