Transparencia creativa

OPINIÓN

Imagen de archivo de un joven usando la IA
Imagen de archivo de un joven usando la IA Thai Liang Lim

Non sei canto tardaremos en ter na literatura galega un caso semellante ao do escritor Thélyson Orélien, retirado da carreira polo Goncourt por mor das sospeitas de uso de intelixencia artificial xenerativa na súa última obra. O certo é que isto volve abrir unha cuestión profunda sobre a autoría e a creatividade.

Desacouga un pouco que a sospeita teña máis forza cá proba, porque os detectores da IA non son infalibles e ofrecen resultados contraditorios que hai que coller coas pinzas da prudencia. Se non podemos asegurar que parte dun texto o produciu unha máquina, como podemos decidir que unha obra deixa de ser humana? Por riba, aceptamos a premisa de que a creatividade só é nosa, aínda sabendo que ningún escritor crea dende a nada e está influído e transforma o que le ou ve dándolle despois unha singularidade propia. Daquela, cal é a diferenza cando aparece a IA?

Habería que preguntar que fixo o escritor e que a ferramenta. Non é o mesmo que a máquina escriba a obra que só dea unhas ideas ou revise a estrutura ou o texto. Entre eses extremos hai unha zona gris de creación. Por iso, a resposta, máis que a prohibición, debería ser a transparencia. Se un autor utiliza IA, ten que o recoñecer coma xa o fai algún que outro premio Nobel. O caso Orélien revela que talvez esteamos a defender unha idea romántica da creación como algo illado e autosuficiente. E, si, podemos decidir que queremos unha literatura só humana, pero sería máis honesto recoñecer que se trata dunha escolla cultural, non a demostración de que unha máquina non pode participar na creación.

A cuestión é se preferimos ignoralo, prohibilo ou aprender a convivir con iso sabendo quen e que escribiu cada libro. E iso tamén cambia a idea consolidada de autoría. Se cadra, o futuro non consista en decidir se as máquinas poden entrar na literatura. Vexo máis probable que leamos sabendo que xa están dentro e que a loita por botalas fóra sexa un labor inhumano.