O que significa saber ler

OPINIÓN

Imaxe de arquivo dun rapaz lendo un libro na rúa en Ferrol.
Imaxe de arquivo dun rapaz lendo un libro na rúa en Ferrol. JOSE PARDO

Cantos pais e nais seguen lendo contos aos nenos antes de durmir? Como explicou Daniel Pennac, a lectura chega primeiro a través da voz dun adulto, unha voz que acompaña. Os exames poden avaliar a comprensión lectora, pero dificilmente poden creala

21 sep 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

Os datos dos últimos informes PISA acenderon as alarmas. Se ata esta edición a noticia adoitaba estar no ránking dos países, na comparativa que nos deixa en bo ou mal lugar, nesta ocasión o foco recaeu no deterioro de alcance case global, ata o punto de que se percibe certa prudencia á hora de ponderar esta ou aquela vantaxe como se a situación global non estivese para procurar consolo niso de que outros estean aínda peor.

Unha das competencias que máis se deterioraron en Galicia desde a anterior avaliación, cunha perda de 31 puntos, é a comprensión lectora. As pantallas, dise, fragmentan a atención e afástannos da reflexión sostida e interpretativa que esixe a lectura. Coincidindo no tempo, coñecemos tamén os cambios da PAU: en Lingua Castelá redúcese o peso da literatura e increméntase o dos aspectos lingüísticos e da comprensión textual.

Pois eu, cando lin a noticia sobre os resultados de PISA, que inevitablemente me interesan e sigo desde hai anos, no primeiro que pensei non foi sequera no sistema educativo, senón nas prácticas familiares e do fogar durante a primeira infancia. Pregunteime cantos pais e nais seguen lendo contos aos nenos antes de durmir; se aínda se esperta neles o desexo de dar sentido a eses signos negros sobre o papel capaces de convocar a maxia e abrirnos o mundo. Ou se tamén aí, e de xeito tan temperán, o conto foi reemprazado por un vídeo curto.

Hai moitos anos púxenme a contarlle ao meu fillo A que sabe a lúa? no medio da Alameda de Santiago. Alí estaba el, con aproximadamente ano e medio, mirando atento o fermoso álbum ilustrado. Cando ía pola metade, cun dos animais erguéndose sobre os outros para achegarse un chisco máis á lúa, decateime de que arredor de nós se formara un corro de sete ou oito nenos e nenas que se achegaran a escoitar. A lectura creara unha pequena comunidade de atención.

Como explicou Daniel Pennac en Como unha novela, a lectura chega primeiro a través da voz dun adulto. Unha voz que acompaña. O que se inicia na primeira infancia pode continuar despois con outros mediadores: na escola, nas bibliotecas escolares e municipais, cos contacontos e co profesorado. Por iso non comprendo que se presenten como antagónicos dous ámbitos que teñen unha continuidade natural nin que se retire puntuación á literatura para darlla á lingua, como se a lectura literaria non fose unha forma especialmente rica de interpretación, atenta ás dimensións máis sutís, simbólicas e menos literais da comunicación humana.

Os exames poden avaliar a comprensión lectora, pero dificilmente poden creala. Aprender a ler comeza moito antes: cando unha voz querida converte uns signos negros nunha historia e unha nena descobre que nun libro cabe o mundo. Despois virán a lingua, a literatura e mesmo PISA. Pero o desexo de comprender nace a miúdo entre as sabas, no limiar do sono, nesas palabras que nos levan da vixilia ao soño e que, sen sabérmolo, tamén nos acompañan da infancia á vida adulta.