O tesouro das palabras

Víctor F. Freixanes
Víctor F. FREIXANES VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

Antón Santamarina recibindo o Premio Luís Porteiro Garea.
Antón Santamarina recibindo o Premio Luís Porteiro Garea. SANDRA ALONSO

A universidade de Santiago de Compostela vén de honrar o profesor Antón Santamarina Fernández co Premio Luís Porteiro Garea, en recoñecemento á súa traxectoria académica a prol da lingua galega. Poucos aplausos tan merecidos. Honra para o profesor e honra para a institución que durante anos acolleu e animou o seu labor, e honra para os que gozamos do seu maxisterio nas aulas compostelás. Da súa man moitos fomos chegando non só ao coñecemento máis depurado da lingua, senón que, co seu traballo e o seu exemplo, sen exhibicionismos, instalado sempre na discreción, no método e na constancia, cunha lealdade inquebrantable ao idioma, que era tamén a herdanza dos seus avós nas terras de San Martiño de Suarna, na Fonsagrada, converteuse nun referente que nos compromete a todos. Durante máis de cincuenta anos, Antón Santamarina foi construíndo un edificio tan sólido como impagable. Posuidor duns dos currículos máis xenerosos e brillantes da súa especialidade, dedicou a vida a rescatar, codificar, ordenar e, na medida do posible, transmitir o idioma coma un tesouro cara ás novas xeracións, palabra a palabra. Con absoluta discreción, repito, quizais mesmo excesiva discreción.

Antón sabe que a súa obra é tan extensa e tan ambiciosa que non a dará rematado en vida. Deixa un compromiso inequívoco para os que a poidan continuar. Entre outras razóns porque unha lingua viva non é nunca un caixón pechado, senón unha máquina en continuo movemento, renovación, novas achegas consonte os tempos. A ciencia do lingüista consiste en estudar en cada caso as súas necesidades de acordo co espírito do idioma, coa súa memoria e os seus falantes. Antón ensinounos que a lingua asenta nos libros e nos soportes que a conservan (hoxe nas diversas tecnoloxías da comunicación), pero que a súa realidade, a súa razón de ser está nos homes e mulleres que a falan, que a través dela definen o mundo (tamén o mundo novo que nos interpela), homes e mulleres que a comparten cos seus fillos e os seus netos. Un río que se enriquece, ensancha e continúa.

Tal é o compromiso do profesor Santamarina: estudar e avivar o uso consciente do idioma en todos os ámbitos e circunstancias. Os tempos teñen as súas voltas. Sabemos que hai razóns para o desánimo. Reclamamos unha política activa e integradora que non damos conseguido: unha responsabilidade que non podemos adiar. Responsabilidade principalmente do Goberno, mais tamén dos que dende fóra poidamos axudar, do conxunto da sociedade, porque o tesouro está vivo. Non é a primeira vez que utilizo esta expresión para referirme ao idioma: o tesouro das palabras, o tesouro que explica o mundo e que nos dá un lugar, un espazo para recoñecernos.

Renunciar ao idioma é renunciar a nós mesmos. Antón Santamarina é un exemplo da lealdade a esta lingua nosa, mesmo a esa vontade gramsciana que loita contra o pesimismo e aposta pola esperanza.