Combater a soidade: asociacións visibles e invisibles que fan do mundo un lugar máis habitable
OPINIÓN
Dicía Elena que quería ser capaz de reunir todo o que levan feito «nun libro, ou nun vídeo ou en algo», para que non se perda ese traballo. E eu pensaba que ese traballo nunca se perderá, pois é un labor social, un servizo esencial o que levan prestando durante décadas. Pero tamén pensaba que os tempos van cambiando, e que quizais unha asociación coma a que ela preside probablemente sufra no relevo xeracional, ou non, non o sei. Lembro perfectamente cando a miña nai comezou a asistir ás súas actividades: tempo despois da morte do meu pai (hai vinte e tres anos), se conseguimos que se animara a saír un pouco á rúa, a ter vida social, foi precisamente grazas a esta asociación, a Asociación de Viúvas María Andrea. E desde ese momento a Maruxa comezou a botar a partida todas as tardes, e a facer algo de ximnasia, e a exercitar a memoria, e a moitas outras cousas máis, sempre cómoda, sempre motivada, pois están todas as viúvas xuntas, en comunidade.
María Elena Paz e o seu equipo crearon un espazo tan sinxelo coma máxico para unha xeración de mulleres que tivo que aprender a vivir de novo despois de enviuvar. Para algunhas delas esas dúas horiñas de socialización cada tarde son o mellor momento do día, se cadra tamén a súa única interacción, ou non, non o sei. O que si sei é que cada vez que vou por alí, a recoller ou deixar a miña nai, ou cada vez que Máxima, a «axudanta» da miña nai, me envía fotos desde a asociación, o único que vexo é alegría, e ganas de vivir, e vida social, e vocación de servizo... E é que grazas ás asociacións visibles e invisibles que, combatendo a soidade, están a facer tanto por tanta xente, o mundo é un lugar máis habitable.