Comprensión lectora

Celso Currás
Celso Currás A NOSA ESCOLA

OPINIÓN

Alumnos con libros de lectura en un aula de Primaria.
Alumnos con libros de lectura nunha aula de Primaria. PACO RODRÍGUEZ

Non facía falta que o último informe PISA evidenciase o constante descenso do nivel educativo dos alumnos da ESO, pois xa o veñen facendo anteriores edicións deste traballo da OCDE e importantes investigacións como son o Estudo Internacional do Progreso en Comprensión Lectora (PIRLS), centrado nos nenos de 4.º de primaria; o Informe Global de Seguimento da Educación (Unesco); a enquisa sobre competencias da poboación adulta de 16 a 65 anos (PIAAC), ou ben as preceptivas avaliacións de diagnóstico nacionais e autonómicas (4.º de primaria e 2.º da ESO). Dos apartados avaliados por estes informes centrareime na comprensión lectora, causa dos outros males, pois, sen entender o que se le, non vai haber bos resultados en ciencias nin en matemáticas.

Dos elementos esenciais da lectura, fonética, velocidade, vocabulario e comprensión, esta última é imprescindible non só para o progreso académico, senón tamén para a vida ordinaria e laboral. Son moitos os textos que hai que entender acotío: prensa, escritos das Administracións, prospectos dos medicamentos, instrucións de aparellos, etcétera. Pero o último informe PIAAC (2024) reflicte que a comprensión lectora dos adultos españois está por debaixo da media da UE e da OCDE, e a prensa económica informaba estes días de que o desastre educativo constatado polo recente informe PISA terá, ademais, consecuencias negativas no mercado laboral e na economía do noso país, porque, entre outras razóns, a comprensión lectora é unha competencia necesaria para desenvolverse no contorno dixital, que cada día ocupa máis tempo no traballo.

Unha das causas destes malos resultados en lectura, esgrimida por todos os tratadistas do tema, é a influencia negativa das tecnoloxías, pois hai unha excesiva exposición a mensaxes curtas e rápidas, interrupcións constantes ou lectura superficial, ademais da grande atracción da pantalla para visualizar imaxes en vez de textos. Pero outra causa moi importante, específica do sistema educativo e que leva moitos anos prexudicando a lectura, é a rixidez do currículo e dos horarios oficiais nos primeiros cursos escolares, que é cando deben consolidarse as técnicas instrumentais.

Tal e como está planificada a educación a nivel oficial, aos docentes resúltalles imposible dedicar o tempo que sexa preciso á lectura repousada e dirixida, en silencio e en voz alta, respondendo a preguntas, completando historias ou facendo resumes e esquemas sobre o texto lido, porque non queda máis remedio que dar todas as materias, aínda que non se entenda o que se le; utilizar todos os libros de texto, que para algo se compraron; encher os cadernos e cumprir cuns horarios abafantes. Sen boa comprensión lectora, o alumno avanzará a trancas e barrancas ata que chegue un momento en que o fracaso escolar sexa inevitable, e incluso sen fracaso poderá chegar ao ensino superior con carencias graves de base. Da miña experiencia como profesor asociado na universidade gardo o recordo de moitons estudates que contestan mal porque non entenden a pregunta, que non son capaces de concentrarse na lectura, nin de expresar con coherencia o que pensan ou o que saben, e que como consecuencia adoecen de falta de vocabulario e dun mínimo hábito lector.