Falemos do suicidio
OPINIÓN
303 mortes por suicidio no ano 2025 (todas as investigadas polo Instituto de Medicina Legal de Galicia). Delas, seis corresponderon a menores de 18 anos. Son cifras demoledoras que nos interpelan como sociedade. Onte foi o Día Mundial da Prevención do Suicidio, unha data que debe servir para reflexionar sobre o que se está a facer para previr unha realidade que cada ano custa centos de vidas e deixa unha profunda pegada nas familias.
Toda a evidencia científica apunta á capacidade de prevención da conduta suicida mediante plans específicos e unha atención adecuada, baseada na intervención e na prevención desde os ámbitos social, político, educativo e sanitario.
O suicidio afecta a todas as clases sociais; a todas as condicións económicas; a homes e mulleres; a persoas de todas as idades, desde as máis novas ata as de maior idade; con seguimento en saúde mental ou sen el, con intentos previos de suicidio ou sen eles, con sinais de alarma evidentes ou desde o máis absoluto silencio.
Por iso, o suicidio non é inevitable, pero si se pode prever. É imprescindible desenvolver un plan de actuación preventivo, realista e ambicioso, que implique a sociedade no seu conxunto e que chegue de maneira efectiva á cidadanía.
É necesario falar de políticas de coidado: coidar os espazos laborais, educativos e sanitarios, e promover compromisos reais a todos os niveis para acompañar, escoitar e actuar ante situacións de alto sufrimento emocional. Será necesario empezar a falar dos mitos que corren arredor del, desmontalos e romper o silencio, a vergoña e a culpa como factores que o promoven ou o sosteñen.
A prevención pasa tamén por reducir a vulnerabilidade social, económica e sanitaria; por combater a soidade non desexada, as diferentes formas de violencia e todas aquelas circunstancias que incrementan o risco de suicidio. Falar de prevención é, en definitiva, falar de políticas sociais e de protección das persoas. Todo isto require organización, vontade política e un investimento económico suficiente. O recentemente anunciado Plan Galego de Saúde Mental 2026-2030 debe ser quen de recoller a complexidade desta realidade e dotar o sistema dos recursos humanos e materiais necesarios para garantir unha atención digna, accesible e de calidade.
Poder pedir axuda a profesionais da psicoloxía cualificados pode marcar a diferenza nun momento de gran sufrimento, dúbidas, medo ou desesperanza. O acompañamento, a escoita activa, a atención individualizada, a capacidade de transmitir esperanza e de compartir o malestar emocional poden aliviar a dor de quen sente que a vida pesa demasiado. O suicidio ten unha orixe complexa. A súa prevención depende da capacidade de construír redes de apoio, de escoitar sen prexuízos, de facilitar o acceso a profesionais cualificados, de dar a coñecer os recursos de axuda —como o 024 e o 061 nos casos de emerxencia— e de falar. Onte, hoxe e todos os días do ano.