A comprensión lectora ao poder

César Rodríguez Pérez
César Rodríguez JUEGO DE TRONOS

OPINIÓN

Gente leyendo en el parque de Castrelos, en Vigo
Xente lendo no parque de Castrelos, en Vigo Xoán Carlos Gil

Hai dous anos, en agosto do 2024, unha noticia da edición de Lugo de La Voz de Galicia fíxose viral. Titulábase «A lucense que casou cun mantel familiar do ano 1920». Contaba a historia dunha voda singular, na que a noiva se fixo o vestido de forma artesanal. Pero moitos lectores non o entenderon así. Crían que ela desposara á peza téxtil. E empezaron a chegar nas redes comentarios que transmitían frustración, cabreo e pouca vergoña.

Lembro este caso, e outros moitos, agora que, grazas ao informe PISA, non deixamos de falar da comprensión lectora dos mozos, pero apenas mencionamos os problemas que padecen moitos adultos, tan expostos como aqueles á podremia cerebral (brain rot) que causa a sucesión ininterrompida de vídeos rápidos de baixa calidade en plataformas como TikTok, Youtube ou Instagram.

O cerebro e a atención funcionan como un músculo. Se os exercitas, estás máis forte, es mais competente. Se non, pasa o contrario. E pódeste acabar crendo calquera disparate que che mostre un algoritmo ou que che conte un influencer sen currículo ou mérito. Curioso paradoxo. Vivimos no momento da historia no que é máis doado acceder ao coñecemento. Pero seguimos e fiámonos daqueles que presumen da súa ignorancia.