Eran outros tempos e o transporte non estaban evolucionado. O primo Gerardo tardaba máis de doce horas en viaxar dende Verín a Ferrol, onde fixo a mili. O Juan Ramón, nove horas para acudir á universidade Salamanca. Gerardo tiña que coller a empresa Pereira, percorrer media Galicia, ou Galicia enteira, e cambiar de autobús varias veces ata chegar ao cuartel. O Juan Ramón apañábase como podía. Sempre había un camioneiro servicial que facía a ruta Salamanca-Verín. Ou algún coñecido que deambulaba por alí. As comunicacións eran difíciles. Non había teléfonos móbiles e as quedadas tiñan que pactarse con moitos días de adianto. Antes das vacacións do Nadal encontrou por casualidade a un home que pasaba tempadas por Verín, Emilio, natural de Extremadura. «Qué alegría encontrarte, Emilio», dixo o Juan Ramón con euforia, e continuou: «¿Estas Navidades no irás a Verín?». Emilio contestoulle que si. Despois falaron do tempo. Aquela friaxe intensa de decembro en Salamanca acababa co Juanillo. Non podería aturar iso moitos días máis. Quedou para o día da lotaría nun bar dos arredores de Salamanca, concretamente ás seis da mañá. Custoulle chegar coa maleta, medio xeado, pero chegou puntual. E deron as seis, e as sete, e as oito, as nove e as dez, como se fose unha canción. Desistiu. Chegou a Verín grazas a varios condutores que o colleron en autostop. Cando nos relata o suceso aínda pon cara de frío. Aquela tarde estaba con nós o Marcelo, familia do gran Martín Esperanza, un bo amigo que no verán vén de visita á súa terra. Dixo que vira ao Emilio. Preguntoulle ao Juan Ramón por el. O Juan contestou: «Hai corenta e nove anos, oito meses e oito días que non lle falo».