Segundo o dicionario da Real Academia Galega, unha das acepcións da palabra sorte é o «poder ou forza imaxinaria á que se lle atribúe a distribución da felicidade ou da desgraza e a capacidade de establecer ou de modificar o curso das cousas». Unha definición curiosa que me leva a reflexionar sobre canto hai de «imaxinario» no feito de, por exemplo, ter nacido nunhas circunstancias ou noutras, ou nunha familia ou noutra, ou na extrema pobreza, ou nun entorno violento... Hei de recoñecer que nunca parara a pensar como definir esa palabra, e quizais sexa un deses termos que ten un significado diferente para cada un de nós. Supoño que unha pode ter ou non ter sorte na vida, ou que a sorte é algo así como a felicidade, que vai e vén, e que hai que abrazala cando aparece e agarrarse a ela cando desaparece. Supoño que algúns somos máis afortunados ca outros. Só hai que mirar arredor de nós para decatarse de que a fortuna non é xusta, de que ter sorte é unha lotaría. Se cadra hai que ser conscientes de que todo pode pasar nesta vida: todo vai ben e, de súpeto, vira bruscamente e afociñas contra a desgraza, ou tamén pode pasar o contrario, que todo vai mal e de súpeto afociñas contra a fortuna. Canto máis miras (canto máis ves) máis te decatas de que a sorte é un factor fundamental na vida das persoas, e que aprender a lidar con ela forma parte da nosa existencia. Pola miña parte, cando aparece a sorte, dou as grazas, e cruzo os dedos para que non me abandone. E cando aparece a mala sorte, agárrome como podo a todo aquilo que me fai sentir afortunada na vida, e intento lembrarme a min mesma que no fondo a sorte quizais sexa «unha forza imaxinaria»...