Adeus Dolly

Cristina Pato
Cristina Pato A ARTE DA INQUEDANZA

OPINIÓN

Dos mujeres ante un mural que homenajea a Dolly Parton en Knoxville (Tennessee, Estados Unidos)
Dos mujeres ante un mural que homenajea a Dolly Parton en Knoxville (Tennessee, Estados Unidos) Megan Varner | REUTERS

Son deusas infinitas. Mulleres inmortais que inventaron o seu xeito de estar no mundo para así protexerse del. O listado das miñas eternas deidades, que esta semana comeza coa xenial e irrepetible Dolly Parton, podería seguir con Lola Flores, Ella Fitzgerald, Nina Simone, Sister Rosetta Tharpe e un innumerable etcétera de autoras e intérpretes que revolucionaron o mundo co seu talento.

Sería imposible imaxinar o que puideron ter visto e vivido nas súas vidas profesionais, nos anos que estiveron en activo. Mulleres rubias, morenas, negras, xitanas... imaxinades todos os estereotipos que lles encaixaron, sen piedade, a todas elas? E que fixeron elas? Vingarse deles con máis beleza artística, con máis mestría e intelixencia, con máis música.

Marchou Dolly Parton, unha inspiración constante para todas aquelas que nalgún momento das nosas vidas sentimos que non encaixamos no mundo. Unha muller que soubo construír un camiño para si mesma, a pesar das circunstancias vitais nas que naceu, e as circunstancias profesionais que só ela sabe como foron... imaxinades?

Dolly e a súa música. Dolly e a súa imaxe. Dolly e a súa empatía. Dolly e os seus dollysmos, cos que quedo hoxe: «Tes que traballar en ser feliz. Hai xente que traballa en ser miserable. Se pola mañá esperto e non me sinto ben, tento pensar no que podo facer para que as cousas vaian mellor, en vez de caer nese buraco profundo no que unha pode afundirse máis e máis». Ou «Se ves a alguén sen un sorriso hoxe, dálle o teu». Ou «a felicidade é o teu compromiso de apreciar todo o bo que hai na vida». Ou «de todo o que fixen, sempre dixen que tiven máis coraxe que talento». Grazas Dolly. Por tanto.