A eclipse tamén se le nas rocas

Pablo Núñez Fernández
Pablo Núñez Fernández DOCTOR EN XEOLOXÍA. MEMBRO DA XUNTA DIRECTIVA DO COLEXIO DE XEÓLOGOS E DA FEDERACIÓN EUROPEA DE XEÓLOGOS

OPINIÓN

María Pedreda

O vindeiro mércores, a sombra da Lúa cruzará boa parte de Galicia antes de atravesar a metade norte de España. Será a primeira eclipse total de Sol visible desde a península ibérica en máis dun século. Á tardiña, miles de persoas buscarán un horizonte despexado cara ao oeste. Pero, para quen traballo coas rocas, unha eclipse non só invita a mirar o ceo: tamén lembra que a Terra e o seu satélite comparten unha historia de miles de millóns de anos.

A mecánica parece sinxela: a Lúa interponse entre o Sol e a Terra. Detrás opera unha casualidade astronómica notable. Aínda que o diámetro do Sol é unhas catrocentas veces maior que o da Lúa, tamén se atopa catrocentas veces máis lonxe. Esta proporción permite que ambos presenten case o mesmo tamaño aparente e que a Lúa oculte por completo o disco solar.

Esta situación, con todo, ten data de caducidade. A Lúa afástase da Terra uns 3,8 centímetros cada ano. É unha velocidade imperceptible a escala humana, pero suficiente para que, dentro de varios centos de millóns de anos, o noso satélite estea demasiado lonxe para cubrir o Sol. As eclipses totais desaparecerán e só poderán producirse eclipses anulares.

Os xeólogos coñecemos esta evolución porque quedou gravada nas rocas. A análise de antigos sedimentos lamelados polas mareas, xunto a outros arquivos climáticos de fai 1.400 millóns de anos, demostra que a Terra viraba entón máis rápido e que a Lúa estaba máis preto. Un día duraba menos de 19 horas, e o ano, aínda que ocupaba practicamente o mesmo tempo que agora, reunía preto de 470 días.

O mecanismo responsable é o mesmo que provoca as mareas actuais. A atracción lunar deforma os océanos e frea moi lentamente a rotación terrestre por fricción, mentres parte desa enerxía pasa á órbita da Lúa e empúrraa cara ao exterior. A súa influencia non se limita á auga: a cortiza tamén se eleva e descende uns centímetros debido ás mareas da Terra sólida.

Cando se aproxima unha eclipse, rexorden teorías que o relacionan con grandes terremotos. A evidencia científica é clara: unha eclipse solar é unha fase de lúa nova e non xera forzas gravitatorias distintas ás habituais. As mareas poden influír minimamente nalgunha falla que xa estea a piques de romper, pero a eclipse non provoca terremotos nin altera o funcionamento interno do planeta.

Durante pouco máis dun minuto, a coroa solar será visible desde outros puntos de Galicia, se as nubes e o relevo permiten. Será un momento excepcional, pero a súa mensaxe non está só sobre as nosas cabezas. Tamén se atopa baixo os nosos pés, no rexistro xeolóxico que demostra que a historia da Terra e a da Lúa levan máis de catro mil millóns de anos escribíndose xuntas.