Estar presentes

Cristina Pato
Cristina Pato A ARTE DA INQUEDANZA

OPINIÓN

UNSPLASH / CC / TOMASZ BRENGOS | EUROPAPRESS

Collo prestadas unhas palabras dun libro de Vila-Matas que fan referencia a unha cita de Hamlet: «Palabras, palabras, que dicía Hamlet para comentar (...) que toda afirmación humana é necesariamente unha conxectura». E fico con elas para falar do complexo que é entender o xeito que temos de relacionarnos hoxe. A escena repítese acotío, nun café, nun paseo, nun restaurante, na espera do médico: unha persoa máis maior acompañada dunha persoa máis nova mirando ao móbil. E por nova non falo só dos adolescentes, aos que sempre lle botamos a culpa das faltas que herdaron de nós, senón que falo tamén dos da miña idade, dos de corenta ou cincuenta, que sen decatarnos collemos o móbil para non facer nada máis que non estar presentes nese momento de espera, ocio ou compañía.

O outro día, nun dos meus paseos, quedei mirando ao que semellaba unha avoa cun neto camiñando xuntos, e de súpeto fun consciente de que ese mirar que tiña a avoa cara o neto era similar ao que ten a miña nai cando, sentadas as dúas no xardín, estou eu no meu móbil, e ela olla para min en silencio, non querendo molestar por se acaso estou traballando, cando o que estou a facer é nada. Peor aínda, cando o que estou a facer é non estar aí con ela, falando ou pasmando, ou non dicindo nada. Naquel paseo, aquela avoa miraba para aquel neto así, quizais sen saber moi ben se falar ou non, e o rapaz, sorrindo, miraba para o seu móbil, paseando nesoutra vida paralela da que xa somos todos vítimas.

Volvendo a Vila-Matas e a Hamlet, esta é unha conxectura, pero é tan real que ás veces doe ser consciente de que todos somos un pouco culpables de que nos roubaran a capacidade de estar presentes.