Un cólico nefrítico

Siro
Siro PUNTADAS SEN FÍO

OPINIÓN

Siro

02 may 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

Unha pedra no ril impediume acudir o pasado sábado á cita cos meus lectores. Era a primeira vez que non comparecía en dez anos e a causa parecía xustificada, pero recordei que Augusto Assía non deixou de enviar o artigo diario a La Vanguardia durante cincuenta e sete anos e non fallou nin sequera o día que perdeu o coñecemento por un ataque de ciática na Conferencia dos Catro Grandes, en Xenebra, en 1956. Claro que, daquela, Augusto Assía era un dos xornalistas con máis prestixio no mundo e eu son hoxe un humilde xornalista de provincias que raramente opina con convicción absoluta e por iso escribe baixo a epígrafe Puntadas sen fío, que vén ser unha chiscadela ao lector ao xeito da que Julio Camba fixera aos seus no primeiro artigo en Abc, ao lles pedir «que no lo tomasen completamente en serio ni completamente en broma».

O cólico nefrítico produce dúas molestias: dor e náusea. A dor é de intensidade variable e a náusea é sempre igual: un noxo na boca que impide comer, beber e ata pensar en comer e beber. A semana pasada, eu quería comentar o artigo sobre a «prioridad nacional» que Vox impuxo nos acordos de goberno co PP, e que a Igrexa española rexeita por oposta ao Evanxeo; e a esquerda, por contraria aos dereitos humanos. Foi un espectáculo cómico digno do EMHU 2026 ver un Feijoo medorento explicando que o concepto de «prioridad nacional» non é o que Vox di que é; e un Abascal irado acusándoo de covarde por non soster de viva voz o que aceptara por escrito. Foi así ata que unha enquisa do PP demostrou que ese artigo «racista, inmoral e ilegal» non lle fará perder un voto e descubriu que o 40 % dos votantes do PSOE tamén o apoian. De maneira que o vello proverbio «a caridade ben entendida empeza por un mesmo» está asumido pola dereita e a esquerda en porcentaxes non moi distintas.

Pois con todo isto pensaba eu facer un artigo entretido, pero o cólico non mo permitiu. Porén, os calmantes son milagrosos e hoxe lanceime ilusionado á faena de comentar a actualidade da semana. E, mentres tomaba notas sobre Víctor Aldama —acusado con Ábalos e Koldo no caso das mascarillas— e das oito horas que falou arreo ante o Tribunal Supremo para acusar a Pedro Sánchez de dirixir a trama corrupta do PSOE, sen achegar unha soa proba, empecei a sentir os primeiros síntomas de náusea. E, cando lin que no xuízo da Kitchen o policía Manuel Morocho, que rexeitou privilexios e se mantivo firme ante as ameazas —«el Morocho de los cojones», dixéralle o comisario Villarejo a Dolores de Cospedal nunha gravación que se conserva—, foi interrompido máis de cincuenta veces pola xuíza cando tentaba explicar que recibiu presións con métodos mafiosos para que non incluíse a Rajoy entre os perceptores do diñeiro negro do PP, a náusea estoupoume na gorxa e non puiden seguir.

Pero esta non era a náusea do cólico nefrítico, senón a dunha comunidade sen ética social e sen gañas de tela. Máis grave, moitísimo máis grave, ca un cólico nefrítico.