Gárgolas e libros

OPINIÓN

Gárgolas con tubos metálicos en el Hostal de los Reyes Católicos, en Santiago.
Gárgolas con tubos metálicos en el Hostal de los Reyes Católicos, en Santiago. XOAN A. SOLER

27 abr 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

As gárgolas do Hostal dos Reis Católicos volveron ao centro do debate polo seu impacto visual. Agora, cando xa están aí, impostas sobre un dos espazos máis simbólicos de Santiago. Sei ben que a funcionalidade e a estética non sempre camiñan da man.

As decisións poden volverse complexas, obrigando a equilibrios difíciles. Pero tamén sei que hai liñas infranqueables, como cando se trata de patrimonio, moi esixido para os particulares. Certo, non todo vale, e as intervencións están moi vixiadas. Daquela, que pasou nun edificio coma o Hostal dos Reis Católicos? O coidado non pode ser unha opción tardía, senón o punto de partida. Non se pode actuar e logo tratar de suavizar o erro. O respecto non pode ser un engadido, debe construírse desde o inicio.

Non me saen da cabeza, onde xa estaban por outra razón. Gárgola é o título do primeiro libro de Carlos Vila. Lembro aquela cea literaria na que as palabras nos fixeron coincidir. Naceu unha amizade e unha maneira de entender a escrita como algo que se coida, celebra e comparte. Botei o pasado Día do Libro facendo quilómetros e falando con lectoras e lectores, defendendo historias e a nosa historia. Cheguei a casa cansa e feliz. Hai traballos que, aínda sendo esixentes, tamén son fogar.

As gárgolas non son só pedra, son tamén memoria, símbolo, identidade. Como o son eses primeiros libros que escribimos, lemos ou compartimos, eses que nos marcan e nos acompañan sempre, aínda que o tempo pase.

Coidemos das gárgolas, das que habitan nos edificios e tamén en nós.