Alzhéimer e cancro

Jorge Mira Pérez
Jorge Mira O MIRADOIRO DA CIENCIA

OPINIÓN

 Stanley B. Prusiner, premio Nobel de Medicina
Stanley B. Prusiner, premio Nobel de Medicina SANDRA ALONSO

02 mar 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

Stanley Prusiner levou o Premio Nobel de medicina en 1997 polo descubrimento dos prións, un novo principio biolóxico de infección, mediante o cal unha proteína mal pregada contaxia ese mal pregamento ás veciñas, como se actuase de molde. Cando se fala de pregamento dunha molécula, isto non implica que a molécula cambie a súa composición: quimicamente segue sendo a mesma, pero é como mover un feixe de cordas para que adopten outra forma; pero no caso das proteínas, iso abonda para que funcionen doutro xeito.

Prusiner visitou Galicia no 2018 e aquí díxonos que, na súa opinión, o alzhéimer é unha enfermidade priónica. Polo tanto, unha solución para ela sería buscar un modo de descompoñer eses malos pregamentos.

Hai tempo que os científicos observan que é pouco habitual que o alzhéimer e o cancro aparezan na mesma persoa. Se se padece unha é raro que se padeza a outra. A hipótese é suxestiva: semella que unha desas doenzas ofrece protección contra a outra. Pero, cal delas? E por que?

Agora parece que estamos cerca da solución a ese misterio. Un grupo de investigadores chineses (da provincia de Wuhan), tras unha longuísima serie de 15 anos de estudos en ratos, vén de descubrir que as células canceríxenas producen unha proteína que aparentemente é capaz de infiltrase no cerebro. Unha vez alí, podería ser capaz de descompoñer os grupos de proteínas mal pregadas que adoitan asociarse co alzhéimer. Se isto fose así, estaríase abrindo unha porta para o deseño dun medicamento (unha sorte de anti-prión) para curar esa enfermidade. Oxalá así sexa.