Furia en Oriente Medio
OPINIÓN
A operación Furia Épica (Epic Fury) empezou. Pouco é aínda o que sabemos con certeza, pero hai certos elementos clave que empezan a aclararse.
1.- Á primeira hora Estados Unidos e Israel comezaron unha serie de ataques aéreos e navais contra Irán, afirmando que vai durarn varios días.
2.- Estes bombardeos non só se dirixiron a obxectivos militares, senón tamén a altos cargos do Goberno iraniano. Ata o momento hai informes non confirmados do asasinato do ministro de Defensa Amir Hatami e do xefe de xustiza Gholam-Hossein Mohseni-Ejei.
3.- O presidente dos Estados Unidos animou á poboación iraniana a que se levante cando a operación remate, o que, xunto cos obxectivos dos ataques, evidencia que a operación busca xerar un cambio de réxime no país.
4.- Hai xa indicios de que Irán respondeu bombardeando bases estadounidenses na rexión. Aínda que está pendente de confirmarse, estes ataques incluirían o lanzamento de mísiles balísticos a bases militares de Barhein, Qatar, Arabia Saudita e Kuwait.
O escalamiento da tensión do que se viña falando nos últimos meses dexenerou nunha guerra aberta, probablemente ao ver as graves protestas do mes pasado como unha fiestra de oportunidade para favorecer a caída do goberno e a implantación dun réxime afín.
Quedan, con todo, moitas dúbidas acerca dos motivos que levaron a este ataque, máis aínda se cabe cando esta semana o chanceler de Omán reportaba «avances significativos»nas negociacións entre Estados Unidos e Irán. É moi probable que o Estado de Israel tivese peso na decisión de comezar cos bombardeos, posto que os riscos para os Estados Unidos desta operación son potencialmente elevados.
En todo caso, debemos agardar a ver como se desenvolven os acontecementos para saber se esta operación será capaz de provocar a caída do Estado iraniano e instaurar un Goberno receptivo aos intereses dos Estados Unidos. Con todo, o que xa podemos intuír é que a resposta de Irán evidencia non só unha escalada bélica, senón tamén unha certa percepción de guerra total nas súas accións. O primeiro ministro israelí Benjamin Netanyahu xustificou o ataque pola «ameaza existencial» que un Irán con armas nucleares suporía para Israel.
Ironicamente, é posible que esta agresión, que xa non busca castigar ao Goberno, senón facelo caer, fose percibida desde Irán como unha ameaza existencial, facendo que calquera escalada da violencia estea xustificada nunha guerra a todo ou nada.