Foi unha conxunción astral ou unha enorme equivocación xornalística: Rosa resolveu o rosco de Pasapalabra e fíxose célebre porque é culta e lista. Aínda que probabelmente a atención se deba á orixinalidade de facerse con 2,7 millóns de euros sen xogar ao fútbol nin facer unha peli ou un contrato para mascarillas na pandemia, o certo é que a xente anda fascinada por iso de gañar cartos por... saber cousas! E é que Rosa Rodríguez sabe o que case ninguén sabe e buliu en contar un gran segredo: precisou intelixencia, paciencia e tempo.
Rosa non só gañou Pasapalabra, senón que gañou a batalla da visibilidade a tipos que morren por parvos, modelos iletradas, políticos racistas, nais que insultan a mestres, xamáns que se cren médicos e adolescentes aos que alguén escribiu un supervendas,
Hai case un século, outra Rosa, Rosa Chacel —á que esta tiranía da ignorancia logrou converter nunha descoñecida malia ser unha das máis brillantes intelectuais españolas do século XX— escribía sobre a necesidade de poñer altofalantes á intelixencia. «Que el eco repercuta, que golpee los muros, porque ya sabemos que son sordos, pero las ondas penetran».
Ela sufriu coma ninguén os efectos do silencio interesado que, inocentemente, atribuímos ao franquismo, pero persiste na tendencia idiota desta sociedade que converte en heroes a auténticos bobos e os premia cos cartos que sempre lles faltan aos verdadeiros intelectuais, apartados por artistas mediocres que proliferan para crear unha atmosfera de estupidez irrespirábel para os brillantes. Pero hai Rosas no mundo. Rosas ocultas, ninguneadas, fuxidas.
Así que —vaticinio!— axiña esqueceremos a esta Rosa, e ela, mentres, investirá o seu par de millóns en apartarse a unha pacífica felicidade, lonxe de tanta soberbia estupidez.