Levantar a paletilla

Víctor F. Freixanes
Víctor F. Freixanes VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

VITOR MEJUTO

01 feb 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

Teño diante de min o libro de Lidia Mariño Ventoso, fisioterapeuta e antropóloga, que nos inicia nun dos segredos da nosa medicina popular, case me atrevo a dicir que nun dos seus misterios (Urco Editora-Fundación Vicente Risco): Levantar a paletilla caída. Medicina integrada na tradición. Cantas veces de nenos sentimos dicir aquilo de «a este rapaz pásalle algo, hai que levalo a que lle miren a paletilla»? Durante anos preguntamos aos médicos onde é que se agocha esta parte da nosa anatomía. Nunca ninguén soubo decírmosnolo, aínda que agora, dun tempo a esta parte, algúns fisioterapeutas empecen a falar de certos músculos nas costas que deberiamos compoñer. Na cultura tradicional os compoñedores ou compoñedoras eran prácticos nestas artes, dacabalo entre a manipulación experta do corpo e a psicoloxía. Segundo a autora do libro o aspecto psicolóxico (emocional) e tan importante como o físico (anatómico).

A min non me levaron a levantar a paletilla. Leváronme á meiga, na Pontevedra de finais dos anos 50. Pero os síntomas eran os mesmos: decaemento xeral, problemas dixestivos, febrículas non controladas… «O rapaz non se vos logra», dicían os veciños. Consultaron os médicos de Santiago e nada. Ata que a miña avoa, moi ás caladas, decidiu levarme á meiga. Vivía a señora nunha casiña das que chamaban «de outón» nunha das rúas da Moureira. Deitáronme enriba dunha arca, espido de cintura para arriba, e logo de palparme a señora dixo que «tiña o estómago caído» que había que levantarmo. Nunca esquecerei o cheiro do emplasto de ruda e aceite que levei arredor do corpo durante dous ou tres meses, ben enfaixado, nin tampouco os ritos máxicos (recuperar o meu nome familiar, o meu hipocorístico doméstico) que a meiga practicou. Outro día falarei disto: o rito de tirar o meigallo, que seica era o que me descompoñía. A meiga escribiu o meu nome nun papel de estraza, enfaixoume con el, e cando o recuperou no papel deume por curado.

Hai tempo que a lectura dos xornais, as noticias da radio, os informativos das televisións me traen desacougado. Xa non sei quen ten que ir levantar a paletilla, se o mundo ou eu. Xa quixeramos as artes da meiga pontevedresa. Anda ceibo un meigallo que nos trae revoltos, entangarañados, coa paletilla descomposta e o ánimo afundido, todos os síntomas dos que fala a doutora Mariño Ventoso no seu libro. Non será o momento de pedir vez no consultorio por se podemos endereitar algo? Esta furia cativa de andar uns contra os outros, encirrados coma cans, incapaces de atopar o denominador común que poida endereitarnos, non sei que remedios poida ter. Aconsello a lectura do libro, por se pode axudar. A paletilla anda afundida, e na Moureira pontevedresa xa non está a señora sabia que acerte a tirar o meigallo, esta sombra túzara que nos tolle e nos ten estragada a moral.