A palabra marisco engloba varias especies que presentan características similares. Considérase un alimento saudable que pode consumirse de xeito habitual porque presenta cualidades nutritivas beneficiosas para a saúde. A nivel gastronómico defínese o marisco como un animal mariño invertebrado e comestible, polo que se excluiría o peixe. Inclúense os crustáceos (camaróns, lagostinos e percebes, entre outros), os moluscos (mexillóns, ameixas, berberechos, luriñas e polbos, por exemplo) e outros animais mariños como algúns equinodermos (ourizo de mar, entre outros).
Os especialistas sinalan que, de xeito xeral, comer marisco é beneficioso para a saúde. A súa composición nutricional, na que destaca a presenza de ácidos omega 3, vitaminas (A e E), minerais (especialmente, selenio, iodo, calcio, ferro, zinc e magnesio) e unha alta concentración de proteínas de alto valor biolóxico ricas en aminoácidos esenciais, así o avalan. Contén moi pouca cantidade de graxa e achega entre 80 e 90 calorías por cada 100 gramos (aínda que depende da forma que elixa para cociñalo).
Considérase que o marisco mellorase o funcionamento do sistema inmunitario, reduce o colesterol e facilita a expulsión de radicais libres. Presenta unha elevada proporción de purinas (que xeran ácido úrico como metabolito) polo que, se ten problemas cos niveis de ácido úrico, consulte ao médico o seu consumo.
É posible adquirir marisco en diferentes puntos de venda e de distintas formas (conxelado, vivo ou en conserva, por exemplo).