Carta aos pacientes de Ribeira-Povisa
OPINIÓN
Unha longa carreira profesional dá para vivir moitas situacións complicadas, pero quizá ningunha tan inesperada como coa que nos atopamos actualmente. Estar na primeira páxina dos xornais, e na cabeceira das emisor de radio e televisión, nun envurullo que combina aspectos persoais, empresariais, políticos e mediáticos, é algo que non agardaba e contra o que pouco podo facer; pero se escribo isto é para salvar a esencia do meu traballo de médico, que non é outra que tratar de conseguir que os meus pacientes sigan confiando en min.
Aínda que o que se publica nos medios non fai referencia ao Hospital Ribeira-Povisa, as noticias acaban afectándonos a todos. É claro que os nosos enfermos, e as súas familias, están moi preocupados polo que se publica, e cando chegan a nós fan preguntas que reflicten a súa angustia: «Van atrasar a proba que necesito? Non me estarán picando con agullas reutilizadas?...». Están asustados. Eu tamén o estou.
O que se di nos medios ten unha enorme transcendencia no pensamento da xente, neste caso dos enfermos, que son os máis vulnerables, os máis necesitados de certezas. É a eles aos que quero dirixirme.
Independentemente do que se diga, o que desexo é comunicarlles algo que estou seguro vai tranquilizar: doulles a miña palabra de que, ao longo de máis de trinta anos como xefe de servizo de Radioloxía de Povisa, nunca ninguén me deu unha orde do que tiña que facer cos meus pacientes. Toda a miña vida profesional tiven liberdade para actuar de acordo cos meus coñecementos, a miña ética e o meu sentido do deber.
Esta carta escríboa a título estritamente persoal, pero estou seguro de que todos os meus compañeiros de Ribeira-Povisa poderían dicir o mesmo. Ninguén dos meus superiores ou dos meus compañeiros coñecían a miña intención de redactar este pequeno artigo e nel o que digo é a verdade.