«Xeran unha mochila simbólica de expectativa e tensión que pesa máis que as súas botas»

OPINIÓN

MONICA IRAGO

10 dic 2025 . Actualizado á 05:00 h.

Cremos que temos Messis?

Escribo esta carta desde un bar, pero non un calquera. Alá onde mires vense banderines de clubs de fútbol, todos colgados con mimo e esmero. As persoas que veñen aquí (pais e nais) non gozan o café… sófreno intensamente, dado que escoitan e viven o fútbol con tanto fervor como o club pretende. Podería empezar por dicir a carga que sofren estes nenos, que se cren homes chegada a categoría de alevín, e que o que fai é xerar unha mochila simbólica de expectativa e tensión que pesa máis que as súas botas. Realmente crémonos que temos Messis? Que pretendemos na educación do fútbol? Utilízase aos nenos como peóns nun xogo de poder e cobiza por obter copas e trofeos? Como os pais consentimos que os nosos fillos sirvan como instrumento para tal fins? Marián Esparís Malvar.

Lista de espera para otorrinolaringoloxía

A principios do 2024 o meu medico de familia, ante un problema de oído, supuxo que era unha obstrución por unha mucosidade e remitiume a especialidades. Teño que dicir que o meu médico vai acertando sempre e amais despídese de min con «un abrazo», o que me parece único e de encomiar; creo que en Torrexón despídente coa factura.

Ao pouco chamáronme, por certo, xente amable: métenche unha cámara de vídeo polo nariz ou explícante que «se fai un agujerito e listo», e dincho con tanta tranquilidade e convencemento que case ata o desexas… Moi ben por elas, confirmaron diagnóstico, tratamento e que volvese ao cabo dun mes. Nesa cita dixéronme que progresaba adecuadamente e déronme vez para seguimento despois de seis meses.

Pasa o tempo, xa escoito «en estéreo», a miña empresa faime a audiometría anual e sae todo ben. De cando en vez miro o E-saude do Sergas, a petición de cita segue aí, e por fin o venres pasado recibo un SMS con cita para o 10 de decembro. Só un ano de atraso! Anulo a cita, ao considerar que haberá xente que o necesite máis que eu…

Señor conselleiro, xa ve que o persoal é de dez para arriba, pero, por favor, cando saia a falar do ben que van as listas de espera no Sergas, pénseo un pouco mellor. Xan Ramírez. Ares.