Xa citei varias veces a Paco Tarrai, un veciño de Ferrol que pescaba no peirao do porto cun anzol sen carnada e dicía en castelán para facelo con máis énfase: «Aquí no se engaña a nadie. El que quiera picar, que pique». A UPG fai e di o mesmo que Paco Tarrai, pero en galego, e hoxe, cando todos os partidos menten e enganan, é de agradecer a súa sinceridade. Na declaración de principios defínese como partido comunista e patriótico que asume a loita de liberación nacional e ten entre outros obxectivos «o impulso e apoio dunha ampla fronte nacionalista que mobilice e organice o noso pobo na loita pola autodeterminación e o exercicio da soberanía nacional». Por iso non pode sorprender que hai poucos días fixese público un documento no que chama á mobilización social para que o nacionalismo avance porque «nos conflitos créase conciencia, actívase o compromiso e fórxase militancia e organización». Cando todas as forzas políticas teñen como primeiro obxectivo a obtención de votos, de todos os votos, de calquera votos nas confrontacións electorais, a UPG rexeita os votos alienados e quere votos conscientes, votos militantes. Por iso hoxe baten con Ana Pontón, como antes bateran con Beiras, malia multiplicar por moito, un e outro, o número de deputados do BNG no Parlamento galego.
Beiras explicaba a clave do seu éxito:
—En primeiro lugar, para ampliar o espectro político, o BNG non apostou a ultranza pola independencia. Ademais, deixamos de lado o discurso doutrinario do nacionalismo leninista que encarnaba a UPG.
Despois laiouse:
—A UPG quixo ter o control do BNG. Sufrín unha operación de acoso brutal.
Home, claro. Por pescar con carnada.
A UPG pesca con anzol sen carnada cando participa con Bildu en manifestacións pola excarceración de etarras criminais, mesmo con vítimas galegas. Non é de agora. Nos primeiros anos oitenta anunciaran un mitin con esa fin no Círculo de Perlío, e, como días antes unha nena galega resultara ferida gravemente nun atentado de ETA en Euskadi, acudín ao Círculo para enfrontarme a eles. Non houbo enfrontamento porque suspenderan o acto.
E con anzol sen carnada pescan no proceso de idealización de Moncho Reboiras, morto en Ferrol cando tentaba fuxir da policía o 12 de agosto de 1975. Aínda os ferroláns non nos repuxeramos da traxedia do 72, con dous traballadores de Bazán mortos e un cento de feridos, cando nos atopamos coa dun mozo asasinado nun portal. Digo «asasinado» porque Xaime Quintanilla, o forense, contárame que Reboiras recibira os disparos mortais nas costas, e os dous tiñamos razóns para saber quen fora o autor.
Pero a UPG non oculta que Reboiras levaba pistola, formaba parte dun comando que roubara diñeiro en bancos e carnés de identidade sen cubrir nunha comisaría, nin a súa relación con ETA. A exposición coa que a Fundación Moncho Reboiras conmemora os cincuenta anos do seu pasamento é excelente. Non sei cantos votantes do BNG farán súas as ideas e consignas que se mostran, pero iso é pescar con anzol sen carnada, e quen queira picar, que pique.