Botánicamente, a soia é un legume (leguminosa) da familia das papilonáceas (como o chícharo) e o seu nome científico é Glycine max. É unha planta de tamaño medio con flores brancas e froitos que conteñen sementes de cores diferentes en función da especie da que se trate (amarelas, negras, verdes...). De orixe asiática, introduciuse en Europa no século XVIII. Actualmente cultívase en diferentes zonas do mundo porque a demanda aumentou debido ao incremento do seu consumo, e segue sendo un alimento básico na China.
Da súa composición química destaca a presenza de proteínas, nunha proporción que duplica a da carne e é catro veces maior que a dos ovos, por exemplo. Contén tamén ácidos graxos, isoflavonas (con efecto estrogénico e antioxidante), hidratos de carbono complexos, vitaminas (A, E, C e grupo B) e varios minerais de interese (calcio e fósforo).
Entre as vantaxes da soia adoita indicarse que presenta lecitina (proporciona elasticidade ás membranas celulares e protéxeas dos radicais libres nocivos) e que podería ser considerada como unha boa alternativa ao consumo de carne en quen segue dietas vexetarianas e deben inxerir proteínas para manter o equilibro nutricional. Así mesmo, contribúe a previr a descalcificación dos ósos polo seu contido en minerais e a presenza dunha isoflavona que intervén no proceso e resulta apta para intolerantes á lactosa e proteínas de vaca, que deben eliminar o leite e os seus derivados da súa alimentación. Tamén se considera indicada para as persoas maiores que consomen poucas proteínas.