O Ryanair galego

José Ramón Alonso de la Torre
José Ramón Alonso da Torre A 700 QUILÓMETROS

OPINIÓN

FORXÁN

28 oct 2025 . Actualizado á 11:36 h.

Coñecín Galicia montado nun autobús de Empresa Pereira. Monbús en Sarria, Castromil en Santiago, Cerqueiro en Bueu, González en Ourense ou Pereira en Vilagarcía eran o Ryanair galego do século pasado. Antes de que existisen os voos low cost e os trens vertixinosos, o autocar era o mellor xeito de coñecer o país. Os autocares de don Agustín Pereira, que xa conducía un autobús, chamado A Emprendedora, alá por 1915 en Compostela, subíronme a Santa Tegra e trasladáronme a Fisterra por vez primeira. Un dos seus condutores, Ignacio González, Nasuco, tiña a graza de ser novelista e o seu xeito de escribir era moi curiosa: facíao durante os intres mortos das paradas e utilizaba parte de atrás das necrolóxicas sobrantes dos servizos funerarios que facía Empresa Pereira. A súa primeira novela titulábase O carcamal e a gacela, publicouse o ano 2000 e contaba unha historia de amor prohibido entre un condutor e unha viaxeira. No 2023 publicou Bruno, a aventura italiana.

No Ryanair galego do século XX facíase moito turismo relixioso. Se era Ano Santo, Santiago era o destino favorito. Se era ano normal, o destino estrela era San Andrés de Teixido, seguido do mosteiro de Oseira, con paradas en Ribadavia e O Carballiño. Aínda que a marca en Pereira bateuno a romaría dOs Milagros de Amil do ano 94, cando fretaron oito autocares de peregrinos. Naquelas excursións, ás veces quedábame acompañando ao condutor escritor. Vivimos xuntos anécdotas tan novelescas como a tarde que, en Viana do Castelo, achegóusenos un cabaleiro misterioso e ofreceunos unha pistola a bo prezo. Castromil, González e Pereira diferenciábanse de Ryanair en que nunca te deixaban tirado. Eran empresas serias.