O Ministerio para a Transición Ecolóxica acaba de publicar o mapa de actuacións da rede de Transporte de electricidade para o próximos cinco anos. Esta planificación ten un custo de 13.600 millóns de euros e está enmarcada no Plan Nacional Integrado de Enerxía e Clima. Acomete melloras nas infraestruturas de transporte enerxético que permitirán ampliar a produción de enerxías renovables e a conexión de futuros proxectos de eólica (afecta de cheo a Galicia) e fotovoltaica (sur de España).
Esta folla de ruta que se somete a audiencia aposta tamén por desenvolver a rede eléctrica para evitar outro macroapagón como o do 28 de abril, dotando a rede de diversos dispositivos de altísimo custo para evitar descompensacións nun sistema como o español, con alta porcentaxe de enerxías renovables.
En Galicia, o plan reforza e repotencia as infraestruturas actuais da rede de alta e media tensión, cun aumento moi importante da capacidade de transporte desde o oeste da provincia da Coruña ata o nordés da de Lugo.
Galicia, segundo o Plan de Ordenación do Espazo Marítimo na súa demarcación noratlántica, contará na zona norte da provincia da Coruña (Cabo Prior) con máis de 2.000 quilómetros cadrados para a eólica mariña, a maior da península, o 43% de todas as zonas mariñas aprobadas de España. A eólica mariña ten moito menos impacto visual que a terrestre (instálanse a decenas de quilómetros da costa), produce moita máis enerxía (maior tamaño dos seus muíños) e, como se está vendo no norte de Europa, onde a eólica mariña vive unha fase de expansión sen precedentes, é compatible coa pesca.
O aumento de produción de enerxías renovables, traerá outra industria a Galicia: a do refinado de novos combustibles sen pegada de carbono; unha industria que consome moita enerxía e que está a emerxer como sector crave para a descarbonización. Europa é líder na descarbonización e financia eses proxectos a través dos Fondos Next Generation. Por tanto, a produción de enerxía renovable na comunidade a través da eólica convencional e mariña traerá riqueza e emprego. Ademais, Galicia en Navantia-Ferrol xa fabrica muíños de vento mariños de altísima calidade para o norte de Europa, o que reforzará esta industria. Son beneficios para a tecnoloxía, a produtividade e o emprego. Estar nesta industria de futuro é un factor máis que asegura a converxencia en renda de Galicia non xa con España, senón con Europa.
A senda cara á descarbonización parece despexada, oxalá que a maquinaria burocrática de Europa non retarde máis este plan de futuro.