Bombas en Monforte

Siro
Siro PUNTADAS SEN FÍO

OPINIÓN

siro

29 sep 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Nos anos setenta, a extrema dereita española seguía sendo franquista e nazi. Si, pode que hoxe tamén, pero daquela demostrábao defendendo ambos os réximes a bombazos. En 1969 ninguén podía alegar ignorancia porque todos sabiamos da terrible represión dos vencedores da Guerra Civil en España, con miles de mortos nas cunetas e fosas comúns, e do horror dos campos de exterminio alemáns; pero ese ano naceu en Cataluña o Partido Español Nacional Socialista, do que xa non se fala, pero que en 1976 levaba cometidos 156 ataques violentos a cines, librerías e entidades culturais. En 1974 destruíu o cine Balmes, de Barcelona, cando proxectaba La prima Angélica, de Carlos Saura, que daba a visión dos perdedores da Guerra Civil; e en 1976 atacaron con dinamita a sala Martí de Valencia mentres tiña en cartel El gran dictador, de Chaplin. Agora, as bombas volveron a Galicia para atacar o centro de menores migrantes en Monforte, e dirixentes de Vox viñeron manifestarse, in situ, ao pé do edificio danado. Ata agora, os historiadores, sociólogos e politólogos non cualificaron a Vox de organización fascista, entre outras razóns porque non predica a violencia. Non a predica, pero xustifícaa. É o primeiro paso.

Mentres escribo, a policía busca no contorno de Monforte tres ou catro persoas sospeitosas do atentado. Non as coñezo, claro, pero estou certo de que, ignorantes ou eruditos, son xente de pouco raciocinio, conciencia raquítica e con medo a sermos invadidos por razas inferiores. Pertencen á «xente masa» que Ortega e Freud presentaron en cadanseu libro no ano 1929, afirmando ambos que o home e a muller masa tenden á violencia na confrontación de pareceres. Non recordo outro vídeo tan violento coma o do grupo que, hai un ano, aforcou un boneco co feitío de Pedro Sánchez ante a sede do PSOE en Madrid e mallou nel ata esnaquizalo. O arrepiante daquelas imaxes é que, véndoas, sabemos que, se en vez dun boneco fose Pedro Sánchez en persoa, bourarían nel coa mesma saña. A masa actual, integrada por xente cada día máis nova, precisa líderes e atópaos na ultradereita: nos dirixentes de Vox, que dan a cara por eles mesmo en casos que rozan o terrorismo, coma o atentado de Monforte; e nos demagogos-bufóns, sen máis programa que desacreditar coa risa chocalleira a política e os políticos convencionais: «Se todo é un cachondeo, vótame a min, que a cachondo non hai quen me gañe». E vótanos. E precisan tamén dos pseudoxornalistas, que, en nome da liberdade de expresión, din as maiores barbaridades da esquerda, que os denuncia, e aplaude as maiores barbaridades da dereita, que os paga. Mágoa que os lances de honra estean prohibidos en España.