
A xornada laboral de 40 horas semanais aprobouse hai 42 anos, en 1983. España era entón un país completamente diferente. Non formabamos parte da Unión Europea —que daquela nin sequera se chamaba así—, nas empresas apenas había computadores e as máis avanzadas comunicábanse por fax. Os billetes de avión comprábanse presencialmente na oficina de Iberia, que era a única compañía aérea dispoñible. Practicamente non se utilizaban as tarxetas de crédito e o diñeiro retirábase no banco coa cartilla de aforro.
Os xornais en papel mercábanse nos quioscos e, por suposto, pagábanse en pesetas. Non existían os teléfonos móbiles e internet era un concepto descoñecido. Era, en realidade, unha España en branco e negro que comezaba a saír do atraso despois de corenta anos de ditadura.
Na España de 1983 traballaban apenas 11 millóns de persoas, a metade que hoxe, e cunha estrutura laboral moi distinta: as actividades menos produtivas tiñan un peso moito maior. Hai un dato que ilustra ben esta realidade: unha de cada cinco persoas traballaba na agricultura.
Hoxe España é un país radicalmente distinto. Non só traballamos o dobre de persoas que en 1983, senón que o facemos en sectores moito máis produtivos e con métodos moito máis eficientes. A nosa economía transformouse de maneira profunda: o emprego no sector primario representa apenas o 3 % do total, mentres que os servizos xa chegan ao 77 %.
Nestes 42 anos cambiou de maneira extraordinaria tanto a forma na que traballamos como a maneira na que vivimos. En 1983, nos grandes servizos públicos do Estado do benestar —sanidade e educación— traballaban menos de un millón de persoas en España. Hoxe, no 2025, son case tres millóns, é dicir, triplicouse esa cifra.
Un cambio social de enorme dimensión, porque dende entón mais de sete millóns de mulleres se incorporaron ao mercado de traballo, pasando de aportar o 28 % do total do emprego ao 47 % no 2025.
Manter intacta a mesma xornada laboral máxima legal supón unha anomalía histórica que xa non se corresponde coa profunda transformación do noso país. É unha anomalía que, en boa medida, foi corrixida na práctica: a negociación colectiva supuxo reducir a xornada ata unha media de 38,2 horas semanais.
Algúns defenden que deixemos que sexa este proceso o que siga funcionando, pero ese argumento, claramente interesado, ignora dous feitos fundamentais. O primeiro é que a redución da xornada por convenio quedou paralizada no 2011, coa crise financeira e as políticas de austeridade. Levan xa catorce anos sen avances significativos neste terreo.
O segundo feito é a desigualdade que supón esa vía: a redución da xornada laboral beneficia sobre todo ás empresas e sectores con maior capacidade de negociación sindical, mentres deixa atrás ás pequenas empresas e aos sectores con menor forza de mobilización.
É certo que xa existen empresas e sectores que traballan 37,5 horas semanais. Pero tamén é certo que 12,5 millóns de asalariados manteñen xornadas superiores e, sobre todo, que aínda un millón de persoas asalariadas segue a traballar 40 horas á semana. É unha situación inxusta que prexudica ás persoas máis vulnerables, especialmente en sectores cunha alta presenza de mulleres.
Por iso é imprescindible reducir a xornada laboral por lei: para igualar dereitos, para protexer ás traballadoras e traballadores con menos capacidade de defensa, e para que toda a clase asalariada se beneficie da transformación e do crecemento da economía española.
Hoxe, o Congreso dos Deputados votará o proxecto de lei para reducir a xornada laboral. Unha medida apoiada pola inmensa maioría de traballadores, con independencia da súa opción política. É unha reforma que só trae efectos positivos: mellora a vida da xente traballadora e das súas familias, e ao mesmo tempo impulsa a modernización das empresas e do tecido produtivo.
Non resulta comprensible que algúns grupos parlamentarios anuncien o seu voto en contra. Xa o fixeron no pasado con medidas laborais que se demostraron extraordinariamente beneficiosas, como os ERTE, as subas do SMI ou a reforma laboral.
É unha posición política irresponsable, que antepón a confrontación partidaria ás condicións de traballo e de vida da cidadanía. Unha estratexia de desgaste do Goberno que, en realidade, só provoca malestar e frustración social.