Bandas de malvados no monte

Fernanda Tabarés
Fernanda Tabarés OUTRAS LETRAS

OPINIÓN

Santi M. Amil

20 ago 2025 . Actualizado á 05:00 h.

A teoría das bandas organizadas que incendian o monte galego está incrustada no discurso político e no social porque nos exime a todos de responsabilidades. Se hai unha facción de maleantes que, chisqueiro en man, dedícase a destruír o paraíso perdido, a culpa é só deles e os demais, cos que dirixen a cousa á cabeza, podemos depositar a nosa frustración nesa «maldade humana» da que onte volveu falar Alfonso Rueda na radio. Os feitos, con todo, renxen un pouco coa conxectura, pois cando se indaga no perfil dos malvados pillados in fraganti o que aparece é unha lista de anciás, paisanos descoidados ou irresponsables e algún pobre diaño coas nocións xustas, unha galería humana pouco compatible co concepto de organización. Claro que as súas accións poden ter consecuencias puntuais devastadoras, pero tamén as bombas de palenque que seguen soando acotío polo país ou os fogos artificiais que zoan estas noites, que retumban como o perigo e que ninguén se atreve a proscribir.

Escoita pouco a persoas como o historiador Lourenzo Fernández, que onte escribía unha vez máis no xornal sobre o asunto para apuntar a un conxunto de causas que arrincaron hai décadas e que conflúen neste terrible agosto do 2025 para despexar unha ecuación perfecta de lume e devastación. Sempre planea unha visión urbanita do territorio, do monte e do mundo rural, cargada moitas veces de suficiencia e lugares comúns e salpimentada co insoportable oportunismo político que unhas veces asoma máis que outras. E ante nós a certeza de que o futuro xa só será así, a non ser que nos entre un vento de responsabilidade colectiva que, de momento, nin se cheira.