O fume que mata: a outra cara dos lumes

Sonia Villapol
Sonia Villapol NEUROCIENTÍFICA E PROFESORA NON TEXAS MEDICAL CENTER DE HOUSTON

OPINIÓN

Santi M. Amil

18 ago 2025 . Actualizado á 05:00 h.

Cada verán, Galicia vólvese cubrir dunha néboa gris que non é nin brétema nin nubes baixas: é fume, e este ano alcanza unha dimensión atroz. Este fume que entra polas fiestras, que che irrita os ollos e a gorxa, que fai que o aire se volva irrespirábel. Mais o que poucas veces se di con claridade é que non se trata só dun malestar momentáneo. O fume dos lumes é un cóctel tóxico que ameaza a nosa saúde a múltiples niveis: afecta os pulmóns, o corazón, o cerebro e mesmo o sistema inmunitario.

Falar de incendios forestais en Galicia converteuse nun ritual repetido: denuncias, cifras, hectáreas queimadas, culpables difusos e poucas solucións de fondo. Mais pouco se fala do impacto na saúde da poboación. Non é só cuestión de arder o monte; é cuestión de que se queima a nosa calidade de vida.

As partículas finas (PM2.5) que xera o fume penetran ata os recunchos máis profundos dos pulmóns e chegan ao sangue. Non estamos a falar dunha molestia puntual, senón dun risco sanitario equiparábel á contaminación das grandes cidades industriais. Os gases tóxicos, monóxido de carbono, dióxido de carbono, óxidos de nitróxeno, reducen a capacidade do noso corpo para respirar e oxixenarse. E cando o lume arrasa casas ou vertedoiros, libéranse tamén dioxinas, furanos e metais pesados. Quen se atreve a dicir que isto non é un problema de saúde pública de primeira orde?

Os datos son demoledores: segundo a Sociedade Americana de Cardioloxía, a exposición ao fume dos incendios forestais aumenta ata nun 70 % o risco de sufrir unha parada cardíaca. En Galicia, con poboación envellecida e con altas taxas de enfermidades cardiovasculares, este dato debería facernos tremer. Pero, de novo, seguimos mirando para outro lado e a xente tírase aos lumes sen máscaras e protección ningunha.

A cuestión vai máis alá do inmediato. O fume deixa pegada a longo prazo: máis asma, máis bronquite, máis ictus, máis demencia, máis cancro. E tamén deixa unha cicatriz invisible: a da saúde mental. Ver arder a contorna ou a propia casa, respirar fume días enteiros, xera ansiedade, depresión e estrés post-traumático. Non é casualidade que as comunidades máis castigadas polos incendios sexan tamén as que arrastran maior desánimo social.

E quen sofre máis? Os de sempre: crianzas, maiores, embarazadas, persoas con enfermidades crónicas, ou os traballadores das brigadas. É esta xente a que paga a factura sanitaria do abandono forestal e da falta de prevención real.

Protexerse é posible. Máscaras FFP2, filtros HEPA nos interiores, e na medida do posible trasladarse a zoas de aire limpo. Pero iso é só un parche individual. O problema require políticas públicas decididas: planificación forestal, prevención sostida e ciencia aplicada.

Xa en 2014, a catedrática de física Inmaculada Paz Andrade lamentaba que o sistema pioneiro de predición de risco de incendios, desenvolvido polo seu equipo, quedase nun caixón. Esa é a metáfora perfecta da nosa desidia, case nunca se escoita á ciencia.

Non podemos seguir tratando os lumes como un destino fatal, nin o fume como un mal menor. Cada inhalación de fume é un recordatorio de que os incendios forestais son tamén unha emerxencia sanitaria a curto e longo prazo. E se non aprendemos a protexernos e a esixir vixilancia e prevención, estaremos condenados a respirar, ano tras ano, non só o fume dos lumes, senón tamén a nosa propia impotencia.