
A fame extrema acadou un máximo histórico, millóns de persoas pasan fame a diario e miles de seres humanos seguen morrendo cada día de fame no planeta. Son mortes tan anunciadas como evitables, pero seguimos mirando cara a outro lado argumentado que as solucións son demasiado complexas. En Gaza, máis de dous millóns de persoas están a ser exterminadas por un xenocidio retransmitido en directo. A fame está a ser unha das armas de guerra usada polo Estado israelí. Decenas de nenas e de nenos están a perder a vida nos últimos días pola fame negra, e estes son datos dos que chegan aos hospitais, sen contar aos que se traga o esquecemento, que non chegan nin a ser un número máis, noutra macabra lista de vítimas. Neste caso, podemos seguir mirando cara a outro lado, pero non nos serve a escusa de que a solución para evitar estas mortes por fame é demasiado complicada, pois alén da fronteira, en Exipto e Xordania, a Organización das Nacións Unidas ten o equivalente a 6.000 camións de alimentos e subministracións preparados para ser distribuídos á poboación de Gaza. Parar o xenocidio será máis complexo, pero aínda se poden evitar, aínda que sexa de momento, estas mortes anunciadas. Damián López López. Sevilla.
A oposición galega
Alfonso Rueda debe de estar todos os días fregándose as mans porque José Ramón Gómez Besteiro vai para abaixo e Ana Pontón xa non dá máis de si. Tocou teito, pero non quere aceptalo cando ten á lucense Olalla Rodil, que é mellor oradora. Iso si, o seu sindicato está moi forte. No plano autonómico, Rueda vai meter outra goleada. E se teñen a Ana Miranda na Eurocámara é porque van da man de Otegi e de ERC, e sábeno. Por certo, a Otegi nunca o invitan a Galicia, por que será? Lino Mon. Santiago.