Verán con alma galega: concertos que emocionan e resisten

Carlos Núñez
Carlos Núñez MÚSICO

OPINIÓN

MABEL R. G.

05 jul 2025 . Actualizado á 05:00 h.

A música galega vive un momento fermoso grazas á moda das pandeireteiras, coa implicación de moita xente nova que aprende a cantar, tocar e bailar. Este renacemento non sería posible sen as xeracións pasadas, que superaron momentos difíciles, pero tampouco sen os artistas profesionais actuais.

 Aínda así, cando vemos a inesgotable oferta do verán, a música coa nosa «denominación de orixe» semella unha «especie autóctona en perigo de extinción» que resiste como pode, mesmo nun momento bo coma este.

A nosa xira Lugares Máxicos é unha alternativa que creamos hai case dez anos para poder gozar da nosa música en espazos fermosos, tranquilos, na natureza... E tamén para demostrar que non é certo que a xente en Galicia non vai aos concertos de música galega se non son gratis. Iso si, lográmolo con moitísimas dificultades. O día do noso humilde concerto de apertura de xira na Colexiata do Sar competimos con non sei cantos macrofestivais pop e eventos gratuítos.

Sentiríame realizado se algún día houbese en Galicia unha verdadeira aposta pola nosa música. Temos exemplos de éxito en Irlanda, Escocia ou Bretaña, onde a tradición é marca, motor e orgullo.

Inspirándome no imaxinario celta, síntome herdeiro dunha longa cadea de artistas galegos como Pondal, que soñaba un pobo atlántico; como Lugrís, que pintaba ceos de mar; como Castelao, que tanto aprendeu na Bretaña, ou Cunqueiro, que a soñou; coma Seoane, que levaba Galicia alén do mar; coma Milladoiro, que abriu a nosa sonoridade ao Atlántico; ou coma Begoña Caamaño, que será lembrada nas Letras Galegas do 2026.

E por iso seguimos adiante, porque mentres sigamos emocionando coa tradición, a nosa alma seguirá viva. Vémonos este verán!