«Resposta, por fin, á pregunta que atormenta a Sánchez: como pasarei á historia?»

OPINIÓN

Yves Herman | REUTERS

26 jun 2025 . Actualizado á 05:00 h.

Pedro Sánchez, doutor e xenio

Pedro Sánchez, doutor en «diplomacia económica», fixo unha xestión coa OTAN que desautoriza a todos os que pensabamos que a súa tese doutoral era máis falsa que un billete de 30 euros. As artes de diplomacia económica empregadas por Sánchez para que a OTAN acepte a contribución de España aos gastos de defensa pasarán á historia, dando resposta, por fin, á pregunta que atormenta a Sánchez: como pasarei á historia? Como o home que instaurou unha nova forma de exercer a diplomacia económica, inventándose un acordo e comparecendo de urxencia para contar o acordo inventado. Hai que ter unha tese doutoral en diplomacia económica de moitísima categoría para que a OTAN se encarte a Sánchez, ao cal lle ofrezo as miñas desculpas por dubidar da súa tese cum laude. Se cando Jesús expirou na Cruz alguén dixo que «verdadeiramente este home era o Fillo de Dios», tras a diplomacia de Sánchez coa OTAN habemos de admitir todos —e eu o primeiro— que verdadeiramente este home é doutor. Doutor e, como dixo un ministro belga, un xenio. José Luis Gardón.

Cacharela? Tradicional, si

O pasado 23 de xuño pudemos disfrutar das tradicionais cacharelas en moitas prazas e rúas de Compostela. Mais, oh sorpresa! nalgún caso desenvolvéronse a ritmo de rave, que, independentemente de que nos guste ou non, non é o caso. Non ao desvirtuamento da nosa vida cultural, se queremos apoiar o noso e dar festa á cidadanía non me parece nada apropiado autorizar estes espectáculos nesa data. Incluso me atrevo a cualificalo de «colonialismo cultural». Mercedes R.

Un millón de litros de xurro

Un millón de litros de xurro verquidos na natureza, río abaixo, ocasionan un dano irreparable dende Muras ata Viveiro. Veciños de Vilalvite desprazámonos ata o lugar para ver un dantesco espectáculo de morte. Un río asasinado. Dinnos que os permisos medio ambientais para a instalación de granxas de porcino cumpren unhas estritas normas de seguridade, mais está claro que neses estudos queda algunha fisura, xa que o accidente ven de producirse e causou inmensos danos que só co tempo poderán valorarse na súa verdadeira dimensión. A filtración dun millón de litros de xurro no ciclo da auga vai producir inmensas perdas tanto a longo como a curto prazo.

En Vilalvite (Friol) queren instalar unha granxa de porcino de grandes dimensións, na Chousa das Lagoas, onde nace a auga que bebemos, extraída de pozos, os habitantes da zona. Sen auga da traída, un accidente deste tipo levaría para nós un terrible problema de abastecemento. As autoridades (encabezadas pola xefatura provincial de Medio Rural) aseguráronnos en Friol o día 22 de febreiro que as balsas de almacenamento de purín son extremadamente seguras. O acontecido demostra o contrario. Rogamos examinen e retiren unha licenza ambiental que non garante debidamente a seguridade dos veciños. A vivenda digna, un dereito fundamental, inclúe tamén un subministro de auga para a supervivencia. María González. Vilalvite (Friol).